Lara Méndez levará a Xunta de Goberno a licitación do 80% do proxecto Corazón Verde de peonalización de todo o centro histórico

A alcaldesa quere mellorar a calidade de vida, poñer en valor os elementos históricos máis emblemáticos e gañar espazos públicos para impulsar social e económicamente a zona.

Actuarase na Praza do Ferrol e San Fernando, e nas rúas Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros, Montevideo e Amor Meilán. Quedaría pendente de adxudicar Santo Domingo.

O recinto amurallado converterase na primeira Zona de Baixas Emisións da cidade. “O fin é reducir as emisións nun 40% en espazos con trafico de 37.000 vehículos semanais”.

As obras, por valor de 6,4 millóns, terán un prazo de execución de 8 a 10 meses máximo.

Domingo, 16 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez levará a Xunta de Goberno a licitación do 80% do proxecto Corazón Verde de peonalización de todo o centro histórico

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, levará o mércores para a súa aprobación en Xunta de Goberno Local o inicio da licitación do 80% das obras incluídas na planificación ‘Zero: Corazón verde’, proxecto co que se vai a acometer a peonalización integral do recinto do casco histórico co fin de mellor a calidade de vida e dinamizar a zona social e economicamente.

Nestes pregos, inclúense as actuacións na Praza do Ferrol, nas rúas Praza do Ferrol e San Fernando, así como as que se executarán entre a porta da muralla ‘Bispo Odoario’ e Praza do Ferrol e nas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Ramón y Cajal, Quiroga Ballesteros (tramo comprendido entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) e Amor Meilán (tramo comprendido entre Quiroga Ballesteros e San Fernando).  A peonalización da Praza de Ferrol sairá a licitación por 2,5 millóns de euros e terá un prazo máximo de execución de 8 meses, e o resto valóranse en 3,9 millóns de euros, cun prazo de 10 meses.

A alcaldesa avanzou que quedaría pendente por licitar as obras na Praza de Santo Domingo e Rúa Teatro, que se levará nunha vindeira Xunta de Goberno Local.

Lara Mendez lembra que “estamos a traballar sempre na liña de acadar un Lugo máis resiliente ao cambio climático na segunda gran transformación da cidade deseñada no mandato pasado a través dunha mobilidade e dun urbanismo sostible”. No caso do recinto intramurallas, a aposta da rexedora é “gañar espazos para a cidadanía, reducindo o tráfico rodado -e renaturalizando as prazas e rúas co fin de minorar a contaminación atmosférica, os niveis de ruído e as vibracións, altamente prexudiciais para a saúde da cidadanía, pero tamén perigosas para a conservación do noso rico patrimonio histórico e patrimonial, especialmente os Patrimonio da Humanidade”.

Neste senso, sinalou que un dos obxectivos do Corazón Verde é reducir un 40% as emisión destas zonas derivadas do tráfico rodado, que ascenden  a unha media de 409,71 toneladas de co2 ao ano provocados polos máis de 37.000 vehículos que transitan por elas cada semana. Deste xeito, ademais, o centro histórico se converterá na primeira Zona de Baixas Emisións (ZBE) de Lugo, áreas que pretenden mellorar a calidade do aire e mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro e que os concellos de máis de 50.000 habitantes están obrigadas a activar no 2023.

A rexedora para acometer estas obras, acadou financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, cos fondo europeos NEXT Generation.

Deseño dos espazos

O deseño dos novos espazos peonís desenvolveuse tanto co fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza, pero tamén co fin de “poñer valor a beleza e a relevancia dos elementos arquitectónicos, escultóricos e históricos máis emblemáticos e impulsando os espazos públicos para un maior uso dos mesmos co fin de enchelos de vida con áreas de estancia, ocio e lecer diferentes, e potenciando os usos comerciais e hostaleiros para dinamizar social e economicamente o casco histórico”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a licitación do Corazón Verde | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez levará a Xunta de Goberno a licitación do 80% do proxecto Corazón Verde de peonalización de todo o centro histórico

Noticias relacionadas