Lara Méndez e Álvaro Santos supervisan o inicio dos traballos de humanización da Piringalla

A intervención consistirá na creación dunha nova praza – xardín entre as rúas Manuel María e Tunel de Oural e terá como eixo central a instalación dunha fonte en homenaxe ás lavandeiras

A obra, recollida nas actuacións previstas dentro do Plan de Barrios, terá un custo de 132.392 euros e un prazo de execución de tres meses

A rexedora e o edil de Medio Ambiente visitaban tamén a zona verde da rúa Gallego Tato, recentemente reformada

Sábado, 16 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Álvaro Santos supervisan o inicio dos traballos de humanización da Piringalla

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez supervisaba hoxe xunto ao edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, o inicio das obras para crear unha nova praza – xardín na confluencia entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, na Piringalla.

“Unha intervención, encadrada no Plan de Barrios, coa que o goberno local trata de dar resposta ás demandas da veciñanza para mellorar a imaxe da contorna pero tamén como símbolo de identidade propia”, explicou a rexedora en alusión á Fonte das Lavandeiras que será o eixo central deste novo espazo público.

“Os traballos – sinalou Álvaro Santos -  consistirán na realización de movementos de terras, tarefas de pavimentación para as que se empregará formigón con acabado impreso coloreado e matrices con debuxos de pequena escala tipo mosaico. Ademais levarase a cabo a explanación de xardíns, así como a acometida da instalación eléctrica. A finalidade é crear un novo punto de encontro no que gozará dun especial protagonismo o chafariz, con decoracións cerámicas que representan lavandeiras e sereas, cedida pola Deputación Provincial”, subliñou o concelleiro de Medio Ambiente.

A obra, que dispón dun prazo de execución de tres meses,  terá un custo de 132.392 euros.

Por outra banda, Lara Méndez e Álvaro Santos aproveitaron a súa visita a esta parte da capital para revisar o estado no que quedou a reparación da pérgola de madeira, situada na Praza Viana do Castelo e na que o Concello investiu 18.000 euros para mellorar a súa conservación e lonxevidade, ao tempo que tamén se achegaron a comprobar a reforma levada a cabo na zona verde situada ao carón do parque infantil Gallego Tato.

Unha actuación que, segundo referiu o edil, alcanzou os 5.000€ e que tiña por obxecto “reparar os danos que sufrían as instalacións, debido á gran afluencia de usuarios que o frecuenta, e acondicionalas para o desfrute da poboación de maneira que se procedeu á renovación completa do firme e á substitución de diferentes elementos do mobiliario urbano, como bancos e papeleiras, tamén moi envellecidas polo uso e pola climatoloxía.”

“Falamos dun espazo de lecer e descanso moi apreciado entre os residentes da Piringalla, especialmente os de maior idade, no que se propicia unha verdadeira convivencia interxeracional, por atoparse nas proximidades dunha área de xogos. Polo que, dende o executivo, consideramos urxente e necesario rehabilitalo tendo en conta a súa funcionalidade e o papel dinamizador que exerce”, subliñou a alcaldesa.

Nos últimos meses o goberno de Lara Méndez levou a cabo outras medidas de humanización neste barrio da cidade como o incremento do alumeado, a mellora da drenaxe do parque ou o repintado da sinalización viaria, entre o que se inclúe a colocación de pasos de peóns con luces led así como o calmado do tráfico nas inmediacións dos centros educativos.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o inicio dos traballos de humanización da Piringalla | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez e Álvaro Santos supervisan o inicio dos traballos de humanización da Piringalla
  • Lara Méndez e Álvaro Santos supervisan o inicio dos traballos de humanización da Piringalla

Noticias relacionadas