Lara Méndez dá resposta a unha demanda histórica de Lugo habilitando unha Plataforma de Baño Pública no Miño respectuosa coa contorna

A Xunta de Goberno iniciará mañá do proceso de contratación da estrutura flotante que terá un custo de 379.149 euros e un prazo de execución de 12 semanas.

A alcaldesa de Lugo explicou que se trata dun sistema modular, de montaxe e desmontaxe manual, con vestiarios e catro piscinas de diferentes profundidades para uso infantil e adulto.

A estructura ocasionará a mínima afección á natureza, sen alterar a marxe do río, nin danar a fauna e flora existentes e mantendo as debidas condicións de seguridade.

As piscinas, semellantes ás da enseada de La Villete de París, terán carácter temporal de maneira que estarán operativas tres meses ao ano.

Martes, 21 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez dá resposta a unha demanda histórica de Lugo habilitando unha Plataforma de Baño Pública no Miño respectuosa coa contorna

O Executivo de Lara Méndez aprobará este mércores, en Xunta de Goberno, o inicio do procedemento para instalar unha Plataforma de Baño Pública no Parque do Miño.

O anuncio o realizou esta mañá a rexedora, acompañada polo tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández e pola concelleira Ana González Abelleira, nunha rolda de prensa que Méndez quixo iniciar cualificando a xornada de “histórica para Lugo, en tanto este proxecto tamén o é non só como reivindicación cidadá senón como compromiso político”.

“Por fin podemos dicir que estamos a piques de culminar o longo traxecto administrativo ao que obrigaba a creación desta infraestrutura que, mais aló do investimento público que conleva, estamos seguros terá un gran impacto sobre a proxección turística e na dinamización do municipio e, directamente, na calidade da vida da nosa veciñanza ao posibilitar o aproveitamento do río e contribuír a seguir avanzando na segunda gran transformación da cidade na que os espazos públicos de lecer e socialización ao aire libre adquiren, cada vez, maior protagonismo debido ao contexto sanitario”.

Para a súa comparecencia, a rexedora escolleu o emprazamento no que se ubicará a nova dotación: en pleno cinturón verde da capital, a altura da Tolda de Castela. “Unha localización – segundo explicou – que se considerou idónea, logo das conclusións do estudo de alternativas elaborado e da batimetría realizada”.

Lara Méndez avanzou que “o que se pretende é a colocación dunha estrutura flotante, de 64 metros de lonxitude, mediante un sistema modular, que terá carácter temporal xa que estará operativa tres meses ao ano, e que se destinará a zona de baño tanto para adultos como tamén para crianzas”, ao tempo que debullou algunas das súas características técnicas.

“A instalación, inspirada no deseño da exitosa enseada de La Villete de París, estará composta por varias seccións. Por unha banda, unha estrutura superior, que servirá como zona de estancia, repouso e para acceso ás piscinas. Estará construída mediante cubos flotantes debidamente ensamblados e aparafusados, o que lle conferirá unha gran flotabilidad e nulo risco para as persoas usuarias. E, pola outra, contémplase a creación de catro piscinas de distintas características, con profundidades útiles de 1’20 m., 0’80 m., e dúas de 0’40 m., cumprindo así coas expectativas en canto a público infantil, xa que cada unha delas estará delimitada para un rango de idade determinado”, afirmou.

As piscinas disporán de fondo, conformado igualmente por cubos flotantes ensamblados e unidos á estrutura superior mediante un sistema de cordas de amarre así como rede de nailon marítimo específica para os laterais das mesmas, permitindo, deste xeito, unha recirculación constante no fluxo de auga e impedindo, ao mesmo tempo, as entradas e saídas polos laterais onde, por outra parte, se adecuarán dúas zonas para que os adultos poidan acceder ao río, xa sen piscina, de maneira segura.

A alcaldesa aclarou tamén que, “ao tratarse de elementos modulares isto facilitará a súa montaxe e desmontaxe, que se realizará basicamente de maneira manual, sen emprego de maquinaria pesada, co obxectivo de ocasionar a mínima afección á contorna fluvial e non alterar nin estragar en absoluto a marxe do río, sen danar a fauna e flora existentes mentres que se manteñen as debidas condicións de seguridade”.

Así, apuntou tamén que non se poderá empregar para os labores ningún tipo de maquinaria pesada (entendendo como tal vehículos que superen os 3.500 kg de PMA). Ademais, durante os traballos a circulación deberá concentrarse nos viais do Parque do Miño para o transporte dos materiais necesarios, accedendo unicamente á zona verde de xeito excepcional, baixo autorización municipal e co compromiso de reposición do terreo ao seu estado orixinal, no caso de producirse algún desperfecto pola aparición de rodeiras, etc.

Tampouco se permitirá para a instalación das estructuras a modificación do leito do río Miño, o que exclúe o anclaxe mediante pilotes ou similares.

“Foi, sen dúbida, un procedemento moi longo, marcado tamén polos cambios de criterio do resto de administración competentes, que obrigaron á elaboración e incorporación constante de documentación e que fixo necesaria a obtención de numerosos informes de idoneidade así como dos permisos pertinentes pero que, despois de todo o percorrido, nos permite asegurar precisamente, que se trata dunha instalación tremendamente respectuosa coa contorna e garantista con toda a normativa urbanística e medioambiental en vigor como igualmente velaremos para que tamén o sexa a derradeira fase do proceso, a da licitación, adxudicación e execución das obras que, agardamos, se desenvolva dunha forma áxil e sen contratempos”, sostivo Lara Méndez.

A alcaldesa de Lugo quixo subliñar, alén, que “o proxecto da Plataforma de Baño Pública que hoxe presentamos nos permitirá levar a cabo un maior aproveitamento dos nosos recursos, sempre en consonancia cos valores de respecto á natureza e conservación do medio ambiente. Queremos deixar de vivir de costas ao Miño, así o estamos a demostrar con todas as actuacións que recolle a estratexia Muramiñae - a peonalización da Calzada da Ponte, a creación das Caldas, a Pasarela sobre a Nacional VI e mesmo a ampliación e acondicionamento do paso soterrado, a recuperación do Carme, o carril bici etc -. Queremos que o río forme parte dos nosos escenarios habituais para o ocio, a práctica deportiva, a socialización, queremos xerar un apego social que sexa a base da súa conservación, do seu coidado e tamén da posta en valor do patrimonio que posuímos e que nos pertenece para desfrutalo, para integralo como un recurso máis que nos fai únicos e privilexiados pola súa configuración paisaxística, pola súa riqueza e saúde e, dende logo tamén, pola súa versatilidade”, concluíu a rexedora lucense.

Materiais seguros, resistentes e respectuosos

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández deu conta de que os elementos modulares que se empregarán na configuración da Plataforma de Baño Pública estarán fabricados con material HDPE, “altamente resistente á intemperie, coa debida flotabilidade, resistentes a impactos e que requiran o menor mantenemento posterior. Estes elementos terán forma preferentemente cúbica (60 x 60 x 40 cm), cun peso que non supere os 8 kg para facilitar o seu manexo”, afirmou.

No relativo á seguridade, as pezas terán todos os seus cantos redondeados e suaves e a superficie parcial con xuntas reforzadas deberá ser deseñada como antideslizante, co fin de minimizar a posibilidade de accidentes. Ademáis, o cunxunto da estrutura incorporará un sistema de autorregulación dos seus compoñentes en relación cos niveis de balanceo das augas.

O concelleiro referiu, así mesmo, que no prego de condicións do contrato, prioriozarase a facilidade de instalación, así como a polivalencia na modificación da estructura e na loxística.

“A estrutura e as zonas de baño disporán, alén, de escaleiras metálicas de acceso desde a auga, para que os e as bañistas poidan saír tanto das piscinas como da zona libre sen problema algún.  Igualmente, o conxunto da plataforma foi dotado dun sistema de seguridade consistente nunha varanda que impedirá un mal uso pero tamén protexerá ás e aos usuarios”, adiantou Miguel Fernández.

Será un balaústre metálico que estará unido por tres liñas de soga ou cabo náuticos e que se instalará na parte posterior e na parte frontal da estrutura para impedir a entrada ao río pola zona non prevista, deixando os laterais para uso de baño libre.

“O conxunto flotante irá amarrado mediante cadeas metálicas a mortos náuticos, confeccionados en formigón, de maneira que impida movementos en función de ondadas ou imprevistos. Así mesmo, na súa cabeceira ou acceso a terra amarrarase mediante cadeas metálicas. Deste xeito a estrutura terá nula capacidade de movemento, sendo moi sinxelo adecuala a posibles subidas ou baixadas de caudal e por tanto de nivel”, abondou o tamén portavoz do Goberno local ao tempo que engadiu que o acceso a terra se realizará mediante unha pasarela, “construída no mesmo material de cubos e que irá ensamblada conformando un todo homoxéneo. A zona de terra acondicionarase con laxas xa existentes nesa zona, de maneira que o impacto visual será nulo”, engadiu Fernández.

Todas as escaleiras de acceso á estrutura estarán construídas en aluminio de calidade naval, anticorrosivo 6005A- T6 e, por tanto, sen orixinar contaminación.

A actuación, que estará cofinanciada pola Deputación Provincial, terá un custo de 379.149 euros e un prazo de execución de 12 semanas.

A Administración local contempla ademáis a dotación de vestiarios e aseos nas inmediacións para incrementar as prestacións da Plataforma que contará, igualmente, con servizo de socorristas. A maiores, o Concello proxecta a mellora do parque infantil sito nas proximidades, incrementando o atractivo da contorna entre as familias usuarias das instalacións.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a Plataforma de Baño Pública | Descargar mp3

 

Multimedia

  • Lara Méndez dá resposta a unha demanda histórica de Lugo habilitando unha Plataforma de Baño Pública no Miño respectuosa coa contorna
  • Lara Méndez dá resposta a unha demanda histórica de Lugo habilitando unha Plataforma de Baño Pública no Miño respectuosa coa contorna
  • Lara Méndez dá resposta a unha demanda histórica de Lugo habilitando unha Plataforma de Baño Pública no Miño respectuosa coa contorna

Noticias relacionadas