Lara Méndez busca mozos e mozas que queiran cambiar a cidade

A alcaldesa de Lugo implica á mocidade na transformación dos espazos públicos vinculados co ocio xuvenil.

 Lanza o programa Proxecta-Cidade co obxectivo de que a veciñanza de 14 a 35 anos participe activamente na humanización da cidade para crear áreas de maior benestar.

 A rexedora pretende, a través desta iniciativa lúdico formativa, que a rapazada “colabore na mellora das contornas de uso público para que aprendan tamén a respectalas e coidalas”.

 As persoas interesadas poden inscribirse xa nestas accións, que se desenvolverán desde a concellería de Xuventude durante os mes de xuño e xullo.

Sábado, 28 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez busca mozos e mozas que queiran cambiar a cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, implicará á xente máis nova no proceso de transformación da cidade para que coñeza máis a fondo como se desenvolven os procesos de humanización e as tomas de decisión para mellorar os espazos públicos, de xeito que tamén participen directamente no seu embelecemento.

Con este obxectivo lánzase o programa Proxecta-Cidade a través da Concellería de Xuventude. “Cremos que esta participación tamén axudará a concienciarnos na necesidade de respectar e coidar os lugares comúns, os que son de todos, o que servirá como prevención contra o vandalismo”, sostén a rexedora, que destaca a importancia de que “a cidadanía sexa co-partícipe desta segunda gran transformación de Lugo na que estamos a traballar para acadar un municipio máis confortable, sostible e con áreas de maior benestar”.

O programa colaborativo está aberto á veciñanza de 14 a 35 anos de idade, e darase prioridade ás persoas en risco de exclusión, buscando grupos heteroxéneos para “acadar unha integración real e que sexa unha experiencia o máis enriquecedora posible”, apunta Lara Méndez.

Os espazos onde se intervirá estarán vinculados co ocio xuvenil. Proxecta-Cidade abarca tres fases: en primeiro lugar, as sesións lúdico-formativas, onde os participantes explorarán as diferentes zonas urbanas, para suscitar neles unha mirada crítica a través de ferramentas e análise de diagnóstico da calidade dos mesmos. Despois comezarán os talleres de experiencias, impartidos por especialistas con competencias en diferentes disciplinas, nos campos da arquitectura, urbanismo e arquitectura educativa, e, por último, a fase da execución do proxecto de reforma e mellora de dous espazos públicos previamente identificados.

O concelleiro Mauricio Repetto anima tamén á participación nestas accións, “xa que pode supoñer un percorrido con grandes oportunidades para que os participantes poidan descubrir as súas potencialidades e ter a oportunidade de atopar novos intereses e de apaixonarse por eles”.

A mocidade interesada pode inscribirse xa no Proxecta-Cidade a través da conta info@educohabitar.com. Dará comezo o día 4 de xuño e desenvolverase ao longo do mes. A colaboración manterase aberta unha vez iniciada a actividade, polo que se poderán incorporar ao longo do proceso máis participantes. As sesión se desenvolverán os mércores, de 17.30 h. a 19.30 horas, e os sábados, de 11.00 h. a 14.00 horas.

O programa está coordinado pola arquitecta Elena Belgrano (do laboratorio EduCoHabitar), e colabora Iago Eireos, coordinador de Espazo Lupa Arte, dedicado á produción artística e á xestión cultural.

A acción enmárcase na estratexia ‘+Xti’, que se desenvolve a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adicións.

Noticias relacionadas