Lara Méndez anuncia un plan de mellora do parque Rosalía de Castro e prepara xa a programación polo seu centenario

O acondicionamento incluirá entre outras actuacións a recuperación dos bancos, o pintado dos farois, a limpeza da pedra e o arranxo de bordos e alcorques.

A alcaldesa de Lugo avanzou que cos actos de conmemoración da emblemática zona se buscará divulgar toda a súa riqueza histórica, patrimonial e natural.

Méndez destacou a necesidade de valorizar este gran espazo verde, catalogado BIC e co que os e as lucenses mantemos fortes lazos identitarios e afectivos.

Xoves, 06 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia un plan de mellora do parque Rosalía de Castro e prepara xa a programación polo seu centenario

O Concello de Lugo acometerá un plan de melloras e de acondicionamento intensivo no parque Rosalía de Castro, “unha zona verde emblemática da cidade, coa que os e as lucenses mantemos fortes lazos identitarios e afectivos, con vistas a que poida amosar a súa mellor imaxe cando estamos a punto de celebrar o seu centenario”, sostivo hoxe a alcaldesa, Lara Méndez.

A rexedora lucense, acompañada do concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, explicou os traballos que comezaron xa a desenvolverse e que continuarán durante este mes e xuño, “que intentaremos executar causando as menores molestias aos usuarios do parque, xa que son moitas as persoas as que se achegan ata aquí, especialmente os días de bo tempo”.

O plan de actuación inclúe, entre outras actuacións destacadas pola alcaldesa, a recuperación do mobiliario urbano como os máis de 200 bancos de madeira, traballo que comezaron xa a realizar os traballadores do I plan municipal sociolaboral Muramiñae Rehabilita cofinanciado con fondos FEDER para colectivos vulnerable, o pintado dos 92 farois, a reposición dos azulexos, a limpeza da pedra e das estatuas, a pintura nas zonas que o necesiten, o arranxo de bordos e alcorques rotos, o cambio de papeleiras e o mellor acondicionamento da área infantil.

A estas actuacións súmanse as realizadas recentemente como a mellora e ampliación do parque infantil.

As actuacións desenvolveranse de maneira conxunta entre a área de Medio Ambiente e a estratexia DUSI Muramiñae cofinanciada con fondos FEDER, ao incluír entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio municipal, entre o que se atopa o parque Rosalía de Castro, catalogado BIC (Ben de Interese Cultural).

Lara Méndez anunciou tamén que se está a traballar na conmemoración do centenario da aprobación en Pleno da creación desta zona verde, en xullo do ano 1921 con Angel López Pérez como alcalde. A rexedora lembrou que foi chamado oficiosamente Bella Vista polos paisaxes que desde el se divisan.

A súa execución Incluíase dentro do plan de hixienización da cidade e pretendía a “construción dun amplo parque con tódalas comodidades e recreos desta clase de paseos”. O lugar escollido para a súa construción foi o coñecido coma Bellavista no Garañón para o que se adquiren as primeiras parcelas, de 94.656 metros cadrados cun desembolso de 91.078 pesetas, que se foron logo ampliando.

Foi, comentou a rexedora, “unha zona verde que foi pensada non para o ornato público e o goce da burguesía decimonónica, senón que tiña un fin social pois podería ser utilizado por todas as clases sociais e estaba pensado para que o gozasen persoas de todas as idades”.

Lara Méndez avanzou que se está deseñando un programa destinado especialmente a difundir entre a cidadanía a historia do parque e a súa riqueza patrimonial e natural, “que aínda é moi descoñecida. Queremos que os e as lucenses descubran todos os segredos desta zona emblemática, especialmente a xente máis moza porque estamos seguros de que o feito de coñecelo mellor suporá que entre todos poidamos coidalo e respectalo como se merece”.

Por iso, entre as actividades culturais programadas, destaca a edición dun libro, escrito por un dos grandes historiadores de Lugo, Adolfo de Abel Vilela, un dos autores ademais do Plan Director do parque xunto co arquitecto César Portela, así como unha exposición, entre outras accións.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o parque Rosalía de Castro | Descargar mp3

Noticias relacionadas