Un xurado profesional escollía esta mañá a obra gañadora do certame entre os 41 carteis presentados ao concurso convocado pola área de Xuventude
O traballo, da deseñadora lucense Alba Platas Vigo, foi tamén o máis votado a través das redes sociais do Concello

“IMPERIVM“ será, dende hoxe, a imaxe do Arde Lucus para este MMXX.
O Vicedirector da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, Alejandro Carro Rodríguez, a deseñadora gráfica Paula Francos Anllo e o fotógrafo Julio Diego Leira Sanmartín, escollían esta mañá a obra da deseñadora lucense Alba Platas Vigo como o cartel gañador do concurso convocado, en xaneiro, pola concellería de Xuventude.
A edil responsable da área, Ana González Abelleira asistía esta mañá á deliberación, realizada na Casa da Xuventude, na que o xurado profesional se decantou polo traballo que tamén resultou vencedor na votación popular ao obter, a través das redes sociais oficiais dos festexos, 671 votos do público.
Segundo sinalou a concelleira, “o tribunal valorou especialmente que o traballo gañador se axustaba ás bases do certame nas que se pedía reflectir o espírito da celebración, facendo especial fincapé na reconstrución histórica e na volta da cidade á época da súa fundación”.
“IMPERIVM”, premiado con 1.300 euros, anunciará dende hoxe mesmo a XIX edición da festa convocada para o 25, 26, 27 e 28 de xuño. O resto de carteis terán difusión polas redes sociais.
Audio
- A edil Ana González Abelleira, sobre o cartel gañador do Arde Lucus MMXX | Descargar mp3