A frauta, a protagonista do segundo concerto do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus

Venres, 24 de abril de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A frauta, a protagonista do segundo concerto do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus

Co segundo dos concertos do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus chega a primeira das tres citas sobre música de cámara e que estarán dedicadas á frauta neste concerto que terá lugar o luns 27 de abril, ao violoncello como homenaxe a Pau Casals o 13 de maio e ao dúo de violín e piano co recital de Massimo Spadano e Alexander Schmalcz o 15 de maio.

O destacado protagonista deste segundo concerto é o frautista francés Laurent Blaiteau, un músico que reside en Santiago de Compostela hai máis de doce anos, cidade na que desenvolve actualmente a súa actividade musical como frautista principal da Real Filharmonía de Galicia e como mestre na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

Laurent Blaiteau amosará a súa versatilidade como solista cun variado programa que inclúe obras dun amplo período da historia da música (dende o Barroco á actualidade) compostas por autores como Johann Sebastian Bach e o máis célebres dos seus fillos Carl Philipp Emanuel, o francés Marin Marais, un descoñecido como Sigfrid Karg-Elert e o o xaponés contemporáneo Kazuo Fukushima. A cita terá lugar na Fundación Caixa Galicia o luns 27 de abril ás 20:30 horas.

A entrada será gratuíta ata completar o aforo do local como é habitual no festival.

A seguinte cita do festival será o mércores 29 de abril, no Círculo das Artes, e cun programa dedicado á opereta protagonizado pola mezzosoprano vienesa Alexandra Rivas e a pianista Kristin Okerlund.

Multimedia

  • A frauta, a protagonista do segundo concerto do Festival de Música Cidade de Lugo XXXVII Semana do Corpus

Noticias relacionadas