Discurso dos Reis Magos na súa visita a Lugo

Martes, 05 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os Reis Magos na súa visita a Lugo

Boas tardes, nenas e nenos, señoras e señores, amigas e amigos:

Como sabedes, nós, os Magos de Oriente, saímos tódolos anos de viaxe polo mundo adiante para traer xoguetes e outros regalos a quen os mereceu, e incluso a quen non os mereceu moito, pero que ten o firme propósito de portarse mellor no futuro. A nós gústanos moito este traballo, e cremos que o facemos bastante ben, pois temos xa moita experiencia: levamos máis de dous mil anos nel.

Uns anos é máis fácil e outros máis difícil. Este ano é moito máis difícil. Como sabedes, durante o ano 2015 houbo guerra nos nosos países de Oriente, e séguea habendo. Moita xente morre nela, grandes e cativos, e moita xente escapa deses países por medo a morrer. As portas de Europa están cheas de refuxiados que necesitan albergue, comida, calefacción, escola. Necesitan asilo. Polo de agora Europa está en paz e é unha terra rica. Por iso, debe abrir as súas portas ós refuxiados, que son pobres e foxen da guerra. É a vosa obriga. Nós mesmos, os Magos de Oriente, non somos europeos: somos asiáticos, árabes, africanos. O propio Xesús de Nazaret era un palestino.

Nós este ano seguimos traendo regalos, xoguetes e outras cousas. Pero temos unha pena moi grande: hai moitos sitios a onde non podemos chegar. Neses sitios necesitan xoguetes, porque todos os nenos necesitan algo para xogar. Pero tamén se necesitan outras cousas, e moito máis urxentemente aínda: comida, medicinas, roupa de abrigo, boa acollida, fraternidade. E necesítase tamén que os gobernos do mundo abran as portas dos países que están en paz para acoller os nosos irmáns que foxen da guerra.

Iso depende de vós: nós non podemos facer case nada. O noso poder é insubstancial, a nosa maxia é unha ilusión. O verdadeiro poder está en vós, en todos os homes e en todas as mulleres, e tamén nas nenas e nos nenos. Vós debedes animar os vosos pais a que sexan solidarios e xenerosos cos milleiros e millóns de persoas que o necesitan no mundo. Vós debedes estudar, falar, facer propaganda da solidariedade, dos dereitos humanos, do dereito de asilo. Non o esquezades. Nós estamos aquí, e por moito que chova e que vente estamos ben. Mentres tanto, outros están moi mal, e neste mesmo momento hai nenos no mundo que morren de fame, de frío, de enfermidades moi doadas de curar. O mundo está mal feito, e vós tedes a obriga de facelo mellor.

E agora sigamos co noso traballo. Hoxe para nós é día de alegría, e mañá pola mañá seguro que ides encontrar moitas das cousas que pedistes e que merecedes, e mesmo algunhas que non pedistes ou que non merecestes moito. Divertídevos con elas, xogade e brincade e sede felices e bos. Pero non esquezades nunca o que vos dixen antes. 

Multimedia

  • Os Reis Magos na súa visita a Lugo

Noticias relacionadas