A contratación a edición e distribución do programa do San Froilán 2018 así como a explotación da publicidade comercial

A edición terá que estar impresa para o 13 de setembro, incluídas as correcións, e a repartición dos programas deberá realizarse entre o 17 e o 21 de setembro. As empresas interesadas teñen 15 días para presentar ofertas

Venres, 29 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de sacar a contratación a edición e distribución do programa oficial e carteis das festas do San Froilán 2018, así como a utilización do programa oficial destes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, para a inserción e explotación de publicidade comercial. O prazo para a presentación de ofertas é de 15 días naturais, rematando o 16 de xullo.

Así o avanzou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen afirmou que a edición terá que estar impresa para o 13 de setembro ou, de ser o caso, quince días despois da entrega do material. Neste prazo inclúense tamén as correcións. A repartición dos programas deberá realizarse entre o 17 e 21 de setembro, ou nos cinco días seguintes á impresión definitiva. Editaranse 55.000 programas e 4.000 carteis, así como 500 carteis do San Froilán Miúdo.

Tal e como se publica hoxe no Perfil do Contratante da web municipal www.lugo.gal, aloxado na Plataforma de contratación do sector público, este contrato non supón custo económico para o Concello de Lugo, xa que este non aboará prezo algún á empresa adxudicataria deste contrato sendo retribuída esta polas persoas físicas e xurídicas que insiran publicidade comercial no programa oficial das festas do San Froilán 2018. Ademais, quen resulte contratista deberá aboar ao Concello, en compensación pola utilización do programa de festas para explotación directa da publicidade comercial, un importe mínimo de 2.500 euros, que poderá ser mellorado á alza polas persoas licitadoras nas súas ofertas, quedando rexeitadas automaticamente as ofertas económicas que minoren ese prezo. O valor estimado do contrato fíxase en 5.000 euros.

Casetas e caldeiros de polbo

Carmen Basadre tamén anunciou que xa está asinado o decreto relativo ao procedemento para a autorización da instalación das casetas e caldeiros do polbo durante as festas de San Froilán dos anos 2018 e 2019, cuxas bases sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia, previsiblemente, o vindeiro martes, 3 de xullo.

Entre as novidades que recollerán as bases técnicas e administrativas do novo prego de licitación figura a xustificación da solvencia técnica, que se fará do seguinte xeito: mediante experiencia mínima de seis meses na realización dun servizo ou actividade similar a este contrato -servizo de hostelería- ou acreditando a titulación nalgún ciclo formativo de formación profesional ou similiar en hostelería, para o caso de non ter experiencia previa.

En canto á garantía (fianza); para participar no concurso público será obrigatorio presentar unha fianza do 2% do prezo de saída -a nova Lei de Contratos diminuíu a fianza, pois antes era dun 5%-; e que no caso de ser adxudicatario e renunciase se lle incautaría e de ser adxudicatario e aceptar se convertiría en definitiva máis a diferenza ata prezo ofertado.

Así mesmo, cambiarase o prezo da ración de polbo, tendo en conta que este produto subiu no mercado, e que quedará fixado a 12 euros a ración de 250 gramos, e a botella de viño de mesa, de tres cuartos de litro, a seis euros. Mantense o prezo da ración de pan e dos cachelos, 1,50 euros 200 gramos para ambos os casos. As casetas poderán ofrecerlle ao público outros alimentos e bebidas complementarias que non estean reguladasa no prego, debendo colocar, tanto no interior como no exterior da instalación, o cadro de prezos autorizado, con cantidade, peso e volume ofertado, visado polo Concello. Para o ano 2019 os prezos poden variar dependendo do prezo do mercado do produto nese momento.

No que se refire ás propias instalacións, as casetas poderán dispoñer de toldos para desplegar en caso de choiva, que cubran a zona entre a caseta e o caldeiro. Ademais, poderanse instalar barricas tradicionais ou similares no frontal, todas de aspecto similar, nunha franxa dun metro de ancho. As casetas deberán dispoñer de baños accesibles e no exterior deberán evitarse cores rechamantes. Expecionalmente, poderán superarse as dimensións máximas nun 7%, unicamente cando concurran circunstancias de seguridade e estabilidade da edificación.

Os prezos mínimos para a licitación das casetas será de 18.772,79 euros para a número 1, 17.700,06 para a número 2, e 16.627,33 para a número 3 e 4.  En canto aos caldeiros: 11.714, 22 para o número 1, 11.044,84 para o número 2, e 10.375,46 euros para o 3 e o 4. Os prezos das casetas e caldeiros, que se instalarán na rúa Vila de Foz, establécense en función da proximidade ao recinto feiral. As dimensións máximas das casetas serán de 33x9,30 metros e dos caldeiros do polbo, de 11x4 metros.

Audio

  • Carmen Basadre sobre a edición e contratación do programa do Sn Froilán | Descagar mp3

Noticias relacionadas