Concello e ACADAR polo empoderamento das mulleres con diversidade funcional

A entidade local e o colectivo puxeron en marcha o programa Emprego e saúde a través do empoderamento, no que participan con 20 mulleres con diversidade funcional de Lugo

Lara Méndez e Ana Abelleira visitaron as mulleres que participan no proxecto, composto por 4 obradoiros, que traballa as capacidades, aptitudes e habilidades cara ao emprego, ademais de hábitos de vida saudables

Xoves, 15 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e ACADAR polo empoderamento das mulleres con diversidade funcional

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, visitaron este xoves as 20 mulleres que participan, nas instalacións do Centro de Convivencia de Fingoi, no programa Emprego e saúde a través do empoderamento, organizado por Concello e ACADAR.

A través deste proxecto, a entidade local e o colectivo pretenden conseguir que as participantes logren mellorar a súa calidade de vida, e isto conségueno mediante a  redefinición do autocoñecemento. Para elo, foméntase a adquisición de hábitos de vida saudables e o reforzamento das habilidades persoais para a busca de emprego, repercutindo positivamente na reeducación das características propias, garantindo a igualdade de oportunidades, promocionando a participación social e activa das mulleres con discapacidade e, deste xeito, camiñar cara a igualdade real.

En total, o proxecto engloba catro obradoiros que se están a desenvolver durante o mes de xuño. As mulleres participantes están divididas en dous grupos e cada un destes grupos asiste unha vez á semana, ou martes ou xoves, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

O primeiro dos obradoiros que se imparte é sobre técnicas de busca de emprego, que ten por finalidade capacitar ás mulleres en diferentes técnicas para a busca activa e eficiente de emprego. A seguinte semana, terá lugar o obradoiro para o fomento do autoconcepto a través da imaxe persoal, no que se buscará que as participantes coñezan técnicas de autocoidado básico e formas de autorelaxación. Na terceira semana, desenvolverase o obradoiro de promoción de hábitos alimenticios saudables e, por último, realizarase un obradoiro de coidado do chan pélvico.

Noticias relacionadas