Concello de Lugo e CONFEMAC únense fronte ao abuso e o maltrato na vellez

A área de Benestar Social súmase á iniciativa estatal e pon en marcha unha campaña de concienciación para fomentar o rexeitamento da sociedade a este tipo de condutas que se deben denunciar.

Martes, 14 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello de Lugo e CONFEMAC únense fronte ao abuso e o maltrato na vellez

Con motivo do Día mundial da toma de conciencia do abuso e maltrato na vellez, que se conmemora o 15 de xuño, o Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Benestar Social, que dirixe Olga López Racamonde, realiza unha campaña de concienciación sobre esta realidade discriminatoria oculta na sociedade e incluso normalizada polas mesmas persoas maiores.

Para iso, a Institución sumouse á iniciativa posta en marcha pola Confederación Estatal de Maiores Activos (CONFEMAC) que baixo o lema ‘Se sospeitas, comunícao. Se o ves, denúnciao. Non sexamos cómplices’, convida a toda a poboación a chamar ao teléfono gratuíto do maltrato a persoas maiores, en caso de detectar este tipo de conductas.

O número é o 900 656 566, que se difunde na cartelería instalada no mobiliario urbano municipal, e que está dispoñible as 24 horas, os 365 días do ano.

Trátase dun servizo financiado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e que a través do CONFEMAC ofrece asesoramento e orientación sobre os recursos dispoñibles para loitar contra este maltrato, que vai máis aló da agresión física, incluíndo dano psicolóxico, afectivo, económico, violación dos dereitos, institucional e social. Condutas, todas elas, que se poden comunicar e denunciar tamén aos corpos de seguridade, servizos sociais ou centros de saúde, entre outros.

A responsable de Benestar Social fixo fincapé na importancia de sensibilizar á cidadanía ao respecto, pois "só dende o recoñecemento da existencia desta problemática poderemos avanzar cara a verdadeira meta, que non é outra que o bo trato".

Olga López referiu, así mesmo, que “precisamente a finalidade da campaña é concienciar, incluíndo a aquelas persoas maiores que hoxe son totalmente autónomas pero que no futuro poidan xerar dependencia, dando a coñecer os seus dereitos para previr estas situacións”.

Para rematar, a edil deu conta de que a concellería difundiu folletos informativos nos distintos centros de convivencia e fixo un chamamento "a vacinarse contra o maltrato nas persoas maiores. Que non é só aquel que se fai, senón tamén as consecuencias da inacción”, afirmou.

A maiores, o Concello de Lugo iluminará a Casa Consistorial e a pasarela Tanxurela, na noite do15 ao 16 de xuño, de verde, cor do bo trato.

Máis info

  • Campaña "‘Se sospeitas, comunícao. Se o ves, denúnciao. Non sexamos cómplices’  | Descargar pdf

Audio

  • A concelleira de Benestar Social, Olga López Racamonde, sobre a campaña contra o maltrato na vellez | Descargar mp3

Multimedia

  • Concello de Lugo e CONFEMAC únense fronte ao abuso e o maltrato na vellez

Noticias relacionadas