Concello, Cogami, Urbaser e Caixabank, xuntos pola inclusión laboral

Lara Méndez presidiu a recepción aos 19 alumnos e alumnas dun curso sobre limpeza viaria e recollida de residuos, posto en marcha ao abeiro do Proxecto Incorpora, entre Obra Social La Caixa e Cogami, no que colabora o Concello a través de Urbaser

"Se queremos a inserción real, temos que conseguir a inserción laboral, que é o que nos permite autonomía", subliñou a rexedora, quen puxo en valor acolaboración entre entidades públicas e privadas para favorecer a  integración laboral

Luns, 18 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Cogami, Urbaser e Caixabank, xuntos pola inclusión laboral

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do responsable de Acción Social de Caixabank, Gonzalo Balseiro, o responsable de Urbaser en Lugo, Miguel Ángel García, e o coordinador de formación de Cogami, Pabo Abuín; recibiron este luns, no Salón de Plenos do Concello, ao alumnado dun curso de formación sobre limpeza viaria e recollida de residuos, posto en marcha ao abeiro do Proxecto Incorpora. Trátase dunha iniciativa froito dun acordo asinado entre Obra Social La Caixa e Cogami, no que colabora o Concello, que fixo posible que 19 persoas con diversidade realizan prácticas na empresa Urbaser, fomentando, deste xeito, o acceso ao mundo laboral de persoas en situación ou risco de exclusión.

Durante o acto, Lara Méndez puxo en valor a colaboración conxunta entre entidades, tanto públicas como privadas, que fixo posible esta acción encamiñada a facilitar a inserción laboral das persoas e colectivos que aínda hoxe o teñen máis difícil para encontrar traballo, debido a prexuízos e falta de coñecemento das súas verdadeiras actitudes e aptitudes. Nesta liña, lanzou unha mensaxe exemplarizante transmitindo os bos resultados desta iniciativa, pois 6 destas persoas serán contratadas en verán pola propia empresa Urbaser. "Se queremos a inserción real, temos que conseguir a inserción laboral, que é o que nos permite autonomía", subliñou a rexedora.

Así mesmo, tamén destacou o compromiso continuado do Concello coas persoas máis vulnerables, ao apoiar moitas e moi diversas actuacións a favor das mesmas, tanto no ámbito laboral como no educacional. Se por algo se define o Concello de Lugo é por ser un Concello profundamente social: 25% do Orzamento dedicado a Políticas Sociais; o Concello máis inversor de Galicia e o cuarto de España.

Para finalizar, quixo agradecer e poñer en valor o gran traballo que fan as asociacións e colectivos como COGAMI, Cruz Vermella eFEAFE para rematar co estigma social que padecen as persoas con discapacidade e a favor da súa integración real e efectiva en todos os eidos. Tamén extendeu os parabéns á La Caixa e a Urbaser por esa conciencia social, esa responsabilidade social corporativa, imprescindible para sacar adiante proxectos coma este.

No acto tamén estivo presente o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, o encargo xeral de Urbaser en Lugo, Jesús López, o presidente de Cogami Lugo, Jose Luis Lolo, o director do CRD-Fingoi Lugo, Juan Antonio Gude, a coordinadora de formación, Belén Jardón e a docente do curso, Ana Belén López, así como representantes das entidades colaboradoras como o Punto Formativo Incorpora, Igaxes, Feafes e Cruz Vermella, entre outros.

Audio

Noticias relacionadas