COMUNICADO DE PRENSA DE POLICIA LOCAL DE LUGO

Xoves, 02 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DE POLICIA LOCAL DE LUGO

A Policía Local de Lugo desenvolveu durante a semana do 22 ao 28 de setembro múltiples intervencións relacionadas coa seguridade viaria, con especial incidencia na prevención do consumo de substancias ao volante e a protección da integridade dos usuarios da vía pública. O total de actuacións realizadas inclúe 5 denuncias por alcoholemia administrativa, 2 atestados por alcoholemia penal, 1 accidente con síntomas baixo os efectos de substancias, 2 probas positivas en drogas e 1 condutor investigado por carecer de permiso de condución.

Alcoholemias administrativas

Cinco condutores foron denunciados por superar as taxas permitidas de alcol, en filtros de seguridade viaria. Os valores rexistrados oscilaron entre o 0,33 mg/l e o 0,59 mg/l en aire expirado. En todos os casos procedeuse á inmobilización do vehículo e á tramitación da correspondente denuncia administrativa.

Entre eles, destaca a intervención a unha condutora na rúa Pintor Villamil, que calaba o vehículo repetidamente, o que motivou a súa identificación e posterior positivo en etilometría (0,48 e 0,45 mg/l).

Accidentes con presenza de substancias

A patrulla de servizo foi comisionada á rúa Orquídea, tras unha saída de vía con colisión contra o valado dun centro educativo. O condutor atopábase en estado semiinconsciente e foi trasladado de urxencia ao HULA. No interior do vehículo acháronse numerosos blísteres de medicamentos, iniciándose dilixencias xudiciais por indicios de condución baixo os efectos de substancias.

Alcoholemias penais

Dous condutores foron investigados por un presunto delito contra a seguridade viaria tras rexistrar taxas superiores a 0,60 mg/l en aire expirado, tipificadas como delito:

  • Un deles lanzou 0,95 e 0,79 mg/l na rúa Mallorca, en horario nocturno.
  • O segundo foi interceptado en rúa Vilalba, con taxas de 0,73 e 0,70 mg/l.

Drogas ao volante

Durante esta semana realizáronse dúas intervencións con resultado positivo indiciario en THC (cánnabis):

  • A primeira, tras unha manobra irregular na rúa Doutor Yañez Rebolo.
  • A segunda, como resultado dun filtro de seguridade viaria, co vehículo inmobilizado no depósito municipal.

Ambos casos foron remitidos para análise oficial conforme ao procedemento establecido.

Condución sen permiso

Un condutor foi investigado penalmente tras ser sorprendido conducindo sen obter nunca permiso de condución, feito detectado tras requirírselle que movese o seu vehículo mal estacionado en dobre fila. Tras unha breve vixilancia, foi observado manobrando co vehículo e comprobouse a súa situación irregular, instruíndose o correspondente atestado penal.

As actuacións descritas reflicten o compromiso constante da Policía Local de Lugo coa prevención dos riscos viarios, mediante filtros de seguridade viaria e vixilancia dinámica. A resposta proporcional dos axentes permitiu actuar con eficacia ante condutas que supoñen un risco real para a vida e seguridade dos cidadáns.

Venda ambulante sen autorización

O pasado martes día 30 de setembro por efectivos da Policía Local de Lugo estableceuse un dispositivo especial no parque da Milagrosa, con ocasión da celebración do mercadillo semanal, levantándose cinco actas de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá ao sorprender a outras tantas persoas ocupando espazo público para a venda ambulante sen autorización, sendo cada unha destas persoas propostas para sanción de 600 euros.

As persoas denunciadas expoñían no chan, entre outros obxectos, roupa usada, a cal abandonaron unha vez identificados e denunciados, polo que foi necesario requirir a presenza dun vehículo de Ecolugo para a recollida das devanditas pezas.

Auxilio a cidadán

A madrugada de hoxe unha patrulla da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da zona norte da cidade xa que unha persoa de avanzada idade caeuse no interior do seu domicilio e non era capaz de levantarse, procedendo os axentes a auxiliar a esta persoa, que non sufrira dano algún, incorporándoo e trasladándoo ao seu dormitorio onde quedou na cama, non necesitando asistencia médica.

Noticias relacionadas