COMUNICADO DE PRENSA DE POLICIA LOCAL DE LUGO

Luns, 28 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Auxilio a cidadáns

Ás 9’50 horas do venres, a Sala do 092 recibiu unha chamada informando dunha persoa que podía atoparse lesionada no interior do seu domicilio, en Albares, polo que se comisionou no lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que compareceu de inmediato. A través dunha xanela, os axentes puideron observar a presenza dunha muller tendida no chan, inmóbil pero consciente, polo que, coa intervención do Servizo de Bombeiros, accederon á casa a través dunha xanela do piso superior, que se atopaba aberta, e facilitaron o acceso aos servizos sanitarios do 061, que procederon a unha primeira asistencia e o seu posterior traslado ao HULA.

Durante a mesma mañá, os axentes de Policía de Barrio tamén acudiron a un domicilio da Praza do Campo Castelo, onde había unha muller, de 89 anos, caída no interior da vivenda, sen que a súa filla fose capaz de levantala. Os axentes auxiliaron á muller para incorporarse, comprobando que non necesitaba asistencia sanitaria.

Ás 17’45 horas do mesmo día, os axentes de Policía de Barrio son comisionados na Avd. de Breogán, onde, segundo a información recibida pola Sala do 092, hai unha persoa inconsciente. Os axentes comproban que se trata dunha muller, que se atopa deitada nunha das hortas adxacentes, acompañada dun can, presuntamente afectada pola inxesta de bebidas alcohólicas. Os axentes solicitan a presenza de servizos sanitarios, acudindo unha ambulancia do 061, que determina o seu traslado a un centro hospitalario para unha valoración máis completa. Os policías fanse cargo do can e posteriormente localizan á filla da muller, á que informan de todo o ocorrido.

Ás 4’50 horas do sábado, o 061 solicita colaboración policial para a atención dun paciente psiquiátrico, que se atopa nun hostal da cidade. Unha vez no lugar, o persoal sanitario informa da necesidade de proceder ao traslado do home, que se atopa alterado, motivo polo cal un dos axentes acompáñalles na ambulancia ata chegar ao centro hospitalario.

Ás 8’45 horas do sábado, a Sala do 092 recibiu información sobre unha persoa que presuntamente inxerira gran cantidade de pastillas no interior do seu domicilio. Unha vez no lugar, os axentes contactaron coa acompañante do home afectado, que lles informou da cantidade e tipo de pastillas que inxeriría, así como que, tras contactar co Servizo do 061, dixéranlle que dada a cantidade de medicamento e o peso do home, non era necesaria asistencia médica.

Ás 11’25 horas do domingo, un indicativo de Policía de Barrio colaborou cos sanitarios dunha ambulancia do 061 para a inmobilización dunha paciente, que necesitaba ser sedada antes do seu traslado a un centro sanitario.

Detención de menor con requisitoria

Ás 8’40 horas do venres, a Sala do 092 recibe información sobre un mozo tendido na vía pública, con varias maletas ao redor. Trasládase ao lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que contacta co mozo, que se identifica como menor de idade (17 anos) e manifesta que durmira na rúa, co seu irmán xemelgo, despois de separarse da súa nai, coa que durmiran o día anterior, pero que ao espertar atopouse só.

Despois de realizar diversas xestións, os axentes conseguen localizar telefonicamente á nai do menor, a cal manifesta atoparse de viaxe, pero que pasará a recollelo en breve. Despois de esperar varias horas, durante as cales se proporciona abrigo e alimento ao menor, tras contactar varias veces coa súa proxenitora, a cal vai atrasando o tempo de recollida, decídese a iniciación de dilixencias por un presunto delito de abandono do menor, durante a instrución das cales se comproba que figura ao seu nome unha requisitoria para a súa detención, por parte da Fiscalía de León, polo que, con independencia das anteriores dilixencias, procédese á súa detención para poñelo ao dispor da Autoridade reclamante.

Rotura de cristal en farmacia

Durante a mañá do sábado, os axentes de Policía de Barrio acoden a unha chamada sobre a rotura do cristal dunha farmacia da cidade. Unha vez no lugar comproban que alguén rompeu o cristal do escaparate, presuntamente utilizando un botello de cervexa que aínda continúa no interior. Os axentes dan aviso ao propietario do establecemento, para que se faga cargo do mesmo e realice un inventario da mercadoría que poida faltar do escaparate, dando aviso tamén ao persoal policial especializado por se puidese ser posible extraer algunha pegada do botello presuntamente usado para a rotura do cristal.

Pintura derramada sobre a calzada

Ás 18’35 horas do venres, os axentes de Policía de Barrio trasládanse á rúa Mallorca, onde se produciu unha vertedura de pintura sobre a calzada. Unha vez no lugar, os axentes localizan aos traballadores dunha empresa de pinturas, os cales manifestan que, mentres realizaban unha descarga de material, fallou o freo da transpaleta que estaban a usar, o que motivou que caese ao chan parte da pintura, pero que se farían cargo da limpeza en canto localizasen a alguén que puidese facela.

Os axentes solicitaron a intervención do Servizo de Bombeiros e de Limpeza, que procederon a unha limpeza inicial da zona, utilizando secante.

Denuncia por miccionar en vía pública

Ás 00’25 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno procedeu á identificación dun individuo que se atopaba ouriñando na vía pública, na Avd. da Coruña, confeccionando unha denuncia polos feitos.

Presuntos delitos de violencia de xénero e violencia doméstica

Ás 18’55 horas do sábado, varios indicativos de Policía trasladáronse a un domicilio da cidade, onde, segundo información recibida na Sala do 092, había unha forte discusión entre unha parella. Unha vez na vivenda, os axentes son recibidos pola muller, que manifesta discutir coa súa parella, a cal lle tiraría do pelo e causado diversas erosións no corpo, tras o cal ausentouse do lugar, informando tamén de varias agresións anteriores.

Os axentes realizan unha inspección en todo o edificio e as súas inmediacións, localizando ao home oculto na zona abuhardillada do inmoble, o cal manifesta discutir coa muller e que ela lle golpeou, presentando unha ferida sanguenta nun beizo, que posteriormente requiriría tres puntos de sutura.

Os policías proceden á detención de ambos e ao seu traslado a centros sanitarios e, posteriormente, a dependencias policiais para a tramitación das dilixencias oportunas.

Filtros de seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria levados a cabo polos axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, o Grupo Operativo Nocturno e a Unidade de Atestados, durante a fin de semana, puidéronse detectar e denunciar as seguintes infraccións:

1 vehículo que non pasara a ITV no prazo regulamentario.

1 condutor que fixo caso omiso á luz vermella dun semáforo.

2 condutores que facían uso do teléfono móbil durante a condución.

1 vehículo que circulaba estando de baixa, polo que carece de permiso de circulación.

9 alcoholemias con taxa positiva, con denuncia administrativa (taxas entre os 0’35 e 0’509 mg/L).

2 alcoholemias con taxa positiva, con dilixencias por presuntos delitos contra a seguridade viaria (taxas de 0.66 e 0.83 mg/L e 0.68 e 0.67 mg/L).

Noticias relacionadas