Filtros de seguridade viaria
Con motivo dos filtros de seguridade viaria, estáticos e dinámicos, establecidos polos axentes da Policía Local, para os cales se fai uso de vehículos rotulados e camuflados, realizáronse as seguintes intervencións:
Localización dun vehículo cuxo precinto fora solicitado pola Recadación Executiva do Concello de Lugo, quedando no depósito municipal ata que o seu titular regularice a súa situación.
Auxilio a condutora dun VMP (patinete eléctrico), de 23 anos de idade, ás 4’40 horas do mércores ao xoves, na rúa Montero Ríos. Segundo as primeiras investigacións, a condutora circularía co patinete pola rúa Montero Ríos e, por causas descoñecidas, perdería o equilibrio, chocando contra un vehículo estacionado, que resultou cunha das ópticas traseiras rota. Como consecuencia do impacto, a muller sufriu feridas (cortes) en fazula e fronte, polo que se fixo necesaria a súa atención por parte do 061 e posterior traslado ao HULA.
Tres alcoholemias positivas, unha delas con resultado de 0.51 e 0.52, que motivou a confección de denuncia administrativa e as outras dúas, con resultados de 0.73 e 0.74 e 1.04 e 1.02, que motivaron a instrución de dilixencias penais, por presunto delito contra a seguridade viaria, polo procedemento de xuízo rápido. En todos os casos o vehículo foi inmobilizado ata facerse cargo do mesmo algunha persoa autorizada.
Auxilio cidadán
Durante a noite do mércores ao xoves, os axentes auxiliaron a un ancián que se atopaba desorientado na rúa Rof Codina, acompañado doutros viandantes que lle prestaban axuda, sendo finalmente trasladado ao seu domicilio e contactando telefonicamente coa súa filla, que se fixo cargo do mesmo. Tamén prestaron auxilio a unha persoa maior que se caeu na cociña do seu domicilio.
Intento de roubo en establecemento
Ás 2’30 horas, varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno foron comisionados nun establecemento da rúa Santiago xa que, segundo a información recibida, algunha persoa estaría a tentar acceder ao mesmo pola forza. Acudidos de inmediato no lugar, os axentes comprobaron a veracidade da información, achándose o bombín da fechadura no chan. Procedeuse a unha inspección completa do local, sen achar a ningunha persoa no interior, posiblemente debido á rápida resposta policial. O establecemento quedou a cargo da súa propietaria, que foi informada da necesidade de formalizar a correspondente denuncia.
Vertedura de gasoil
Durante a tarde do mércores, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio foron comisionados no Carril de Caiñós, onde había unha vertedura de líquido deslizante sobre a beirarrúa. Os policías comprobaron que se trataba dunha fuga procedente do edificio adxacente á zona, polo que contactaron coa presidenta da comunidade de propietarios, que xa tiña coñecemento da situación e requirira a actuación dun servizo técnico para resolver o problema. Mentres dita solución non se producía, os policías procederon a acoutar a zona con valos e cinta policial, para evitar que calquera peón puidese resultar danado.
Corte de camiño público con pedras
Ás 00’20 horas do xoves 1 de setembro, a Sala do 092 recibiu unha chamada dun veciño da parroquia de Pedreda que informaba que, cando circulaba co seu vehículo por unha pista do lugar, atopouse coa calzada cortada con varias pedras. Se comisiona no lugar un indicativo do Grupo Operativo Nocturno, que comproba a veracidade da información, contactando co requirente, que manifesta que posiblemente se deba a unha actuación intencionada debido a rifas existentes entre veciños.
Os policías apartaron as pedras que cortaban o paso e despexaron o camiño, continuando investigacións para tentar identificar á persoa ou persoas que puidesen colocar as mesmas.