
Placas de xeo na vía pública
Durante a mañá do luns, día 30, a Sala do 092 foi advertida da existencia de placas de xeo sobre a beirarrúa e paseo da rúa Xosé Novo Freire, polo que comisionou no lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, cuxos compoñentes comprobaron a veracidade da chamada, polo que requiriron a presenza do Servizo Municipal de Limpeza, que procedeu a esparexer sal e á limpeza das zonas afectadas, mentres que os axentes aseguráronse de que o tránsito de peóns se levaba a cabo con seguridade.
Localización de vehículos para precintar
Durante a tarde do mesmo luns, os axentes de Policía de Barrio localizaron dous vehículos cuxo precinto fora requirido pola Autoridade Xudicial e pola Recadación Executiva do Concello de Lugo. Ambos os vehículos son trasladados ao depósito municipal co Servizo de Guindastre, sendo precintados á espera de que os seus titulares regularicen a situación.
Auxilio á cidadanía
Ás 23:50 horas, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno observa a un home que lles fai acenos na rúa Miguel de Cervantes, polo que contactan con el. O home, de 81 anos de idade, manifesta que está a buscar un taxi para que o traslade ao HULA, xa que lle custa respirar. Os axentes indícanlle a posibilidade de dar aviso a unha ambulancia, ao que o home négase de forma rotunda polo que, ante tal situación e para evitar calquera risco para o cidadán, ofrécenlle ser trasladado no vehículo patrulla, ao que accede finalmente, quedando ao dispor dos servizos sanitarios.
Os axentes tamén pasaron aviso da situación do home aos Servizos Sociais, xa que durante a conversación mantida con el puideron pescudar que podería necesitar algún tipo de axuda na súa vida diaria.
Accidentes de circulación
Durante a xornada do luns, os axentes da Unidade de Atestados, ademais de colaborar cos filtros de seguridade establecidos na cidade, foron requiridos para actuar en sete accidentes de circulación.