Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 28 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detención por atentado contra axentes da autoridade

Ás 17'15 horas do martes, cando un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio realizaba patrulla preventiva por Camiño Real, foron requiridos por viandantes como consecuencia dunha pelexa entre dous individuos. Este indicativo, apoiado por outra patrulla policial, preséntase de inmediato no lugar indicado, comprobando que había dous varóns tendidos no chan, ocupando a totalidade da beirarrúa e cortando, polo tanto, o paso dos peóns, polo que se lles require para que se incorporen, con axuda policial, á vez que se solicita a presenza dunha ambulancia, xa que ambos presentan signos de atoparse baixo os efectos do alcohol.

Mentres agardaban a chegada da ambulancia, un dos suxeitos amosaba unha actitude agresiva, intentando golpear aos viandantes que pasaban polo lugar, debendo interpoñerse os axentes, aos cales chegou a alcanzar con varias patadas. Unha vez no interior da ambulancia, o varón aumentou o grao de agresividade, golpeando a porta lateral do vehículo e intentando agredir tanto a un dos axentes como ao persoal sanitario, polo que tivo que ser reducido, procedendo á súa detención por un presunto delito de atentado contra axentes da autoridade, tras o cal foi trasladado a un centro sanitario, onde continuou coa súa actitude agresiva.

Durante o traslado na patrulla policial, o detido golpeou repetidas veces as portas do automóbil, chegando a desencaixalas dos seus marcos, á vez que profería ameazas de morte contra os axentes. Unha vez en dependencias policiais, o home intentou agredir de novo aos axentes, con patadas e cabezazos, debendo ser reducido ata o seu ingreso nos calabozos.

Alteración da orde

Ás 21'45 horas do mércores, cando un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio prestaba servizo preventivo pola Fonte dos Ranchos, foi requirida por varios viandantes por unha persoa que estaba causando desordes nun establecemento de hostalaría. Os axentes observan a presenza dunha muller que, tras ter sido invitada a saír do local polo seu comportamento, comezou a golpear parte do mobiliario. Finalmente abandonou o lugar sen máis incidencias.

Roubo en establecemento

Ás 14'00 horas do mércores, cando os axentes da Unidade de Atestados se atopaban realizando servizo na Avd. Benigno Rivera, foron requiridos por quen dixo ser encargada dun establecemento próximo, que perseguía a outra muller que presuntamente sustraera varios perfumes. Os axentes proceden á interceptación da citada muller, que entrega voluntariamente dous perfumes, con valor de máis de 100 euros, comprobando que non portaba nada máis. A requirente é informada do procedemento a seguir para formalizar denuncia polos feitos.

Noticias relacionadas