
Retirada de árbore caída en pista
Ás 11:15 horas do xoves día 26, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio acudiu ao lugar de Corvelle, na parroquia de Coeo, onde, segundo información recibida pola Sala do 092, unha árbore caera sobre unha pista sen asfaltar. Os axentes puideron comprobar a veracidade da chamada, sendo necesaria a actuación do Servizo de Bombeiros, que retiraron a árbore caída e deixaron libre a pista en cuestión.
Retirada de chapa metálica de tellado
Ás 17:20 horas do mesmo día outra patrulla foi comisionada nun edificio da rúa Anduriñas, xa que a Sala do 092 fora informada sobre unha chapa metálica do tellado que podería desprenderse. Comprobada a veracidade da información, foi requirido o Servizo de Bombeiros, que procedeu á retirada do elemento que corría risco de caída.
Subtracción en establecemento
Ás 11:25 horas do xoves, un indicativo de Policía de Barrio trasladouse ao Centro Comercial “As Termas”, xa que nun dos establecementos producírase unha subtracción. Unha vez no lugar, os axentes foron informados de que un mozo subtraera unha peza de roupa, que fora recuperada no momento, e que o presunto autor da subtracción estaba custodiado polos vixiantes de seguridade. Os policías solicitaron os datos necesarios e fixéronse cargo da identificación do individuo, para a práctica das correspondentes dilixencias por un presunto delito de furto.