Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 27 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade viaria

Durante a mañá do martes día 25, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, realizaron varios controis de velocidade, na Rolda do Carmen e na avenida de Benigno Rivera, durante os cales detectaron e denunciaron a 12 condutores que excedían a velocidade máxima permitida.

Denuncias por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá

Durante a mesma mañá, os axentes de Policía de Barrio, cando procedían a corrixir un estacionamento indebido na avenida da Coruña, foron increpados por un cidadán que, dirixíndose a eles en voz elevada - o que fixo que se congregase ao seu redor un número importante de viandantes - proferiu frases reprochándolles os controis e labor de disuasión e sanción que realizan contra a venda ilegal no mercadiño de Frigsa ou sobre a actividade, tamén ilegal, de aparcacoches na contorna do HULA, á vez que facía ademán de aproximarse e encararse aos axentes, o que motivou que a muller que lle acompañaba se interpuxese e lle solicitase que deixase o enfrontamento. Cando os axentes lle solicitaron a documentación persoal, o home negouse a entregala, podendo ser finalmente identificado grazas aos datos achegados pola acompañante, comprobando que se trataba do titular do vehículo que estaba a ser denunciado.

Por todo o exposto, foi denunciado por falta de respecto e consideración aos axentes da autoridade e por negarse a identificarse tras ser requirido para iso.

Auxilio a persoas

Durante a noite do martes ao mércores, os axentes de Policía de Barrio contactaron cunha persoa que durmía nun banco na rúa Trapero Pardo. Ofreceron ao home a posibilidade de trasladalo ao Albergue Municipal para que puidese pernoitar no mesmo, dadas as baixas temperaturas da noite, ao cal se negou rotundamente, manifestando que non necesitar ningún tipo de atención.

Durante a mesma noite, os axentes tamén foron requiridos na rúa Catedral, pola presenza dunha rapaza, de 20 anos de idade, que se atopaba indisposta. Unha vez no lugar, comprobaron que a moza se atopaba semiinconsciente, con signos exteriores de atoparse afectada pola inxesta de alcol, motivo polo cal foi evacuada, por unha ambulancia do 061, a un centro sanitario.

Durante a tarde do mércores día 26, os axentes de Policía de Barrio, prestaron auxilio a un home, de 79 anos, que se atopaba sentado en vía pública, na rúa Lamas de Prado. O home negouse a ser asistido pola ambulancia do 061 que lle foi requirida e tamén a ser trasladado a un centro sanitario, polo que finalmente foi acompañado polos policías, no vehículo asistencial, ao seu domicilio.

Noticias relacionadas