Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 22 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio á cidadanía

Ás 10:50 horas do mércores 21, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio foi comisionada nun inmoble da rúa Camiño Real, xa que o Servizo do 061 pedira colaboración para a evacuación dun enfermo que se achaba no seu domicilio e, como con secuencia das lesións que sufría, debía ser evacuado en padiola.

Despois de valorada a situación, o enfermo foi sacado ao exterior, por parte do Servizo de Bombeiros, a través dunha xanela da parte traseira do edificio, na rúa Lamas de Prado, para o que foi necesario restrinxir o tráfico rodado.

Presunto roubo con violencia

Ás 2:10 horas do xoves 22, a Sala do 092 recibiu información telefónica sobre unha agresión que se estaba producindo na Praza de Pío XII. De inmediato preséntanse no lugar dous indicativos do Grupo Operativo Nocturno, que atopan a unha rapaza sentada no chan, sendo atendida por varios viandantes.

A moza manifesta ser agredida por tres persoas para subtraerlle a carteira, diñeiro en efectivo, a tarxeta bancaria e o teléfono móbil, tras o cal déronse á fuga cara ao adarve da Muralla. No lugar localízanse e identifican a testemuñas dos feitos.

Os axentes realizan unha procura coa descrición dos presuntos autores do roubo, sen que puidesen ser localizados. A moza agredida é asistida por unha ambulancia do 061, que foi requirida con anterioridade, sendo informada da necesidade de formalizar denuncia polos feitos ocorridos.

Filtro de seguridade viaria

Durante a noite de mércores a xoves, o Grupo Operativo Nocturno, co apoio da Unidade de Atestados, realizaron un filtro de seguridade viaria, no que detectaron as seguintes infraccións:

Condutor con perda de vixencia no permiso de conducir pola perda total de puntos asignados, polo que se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria. O mesmo condutor lanza resultado positivo nas probas de alcoholemia ás que é sometido, con resultados de 0.60 e 0.63 mg/l, motivo polo cal é denunciado administrativamente.

O vehículo é retirado co guindastre para o depósito municipal, ao non haber ningunha persoa autorizada para facerse cargo do mesmo.

Tamén se localizou un condutor cuxo permiso de conducir, do seu país de orixe, non lle autoriza a conducir en España, polo que foi denunciado administrativamente.

Noticias relacionadas