Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 22 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Accidente de circulación e delito contra a seguridade viaria

Sobre as 23:55 horas do día 21 de xullo un veciño informa á Sala do 092 que na confluencia das rúas Miguel de Cervantes e Castelao había un vehículo, cuxo condutor se achaba durmido ao volante. Cara ao lugar desprázase un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo pero recibe unha nova chamada da Sala de Comunicacións do Corpo que lle informa que ese vehículo tivera un accidente de circulación na Avenida de AsFontiñas.

Os axentes preséntanse de inmediato e comproban como un turismo chocara contra outro estacionado e, a continuación, saíuse da calzada chocando contra un bolardo de fundición, situado na mediana da avenida, observando como o condutor presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica nun etilómetrode mostraxe, lanzando un resultado POSITIVO de 0,72 mg/l.

Por tal motivo é trasladado á Xefatura do Corpo onde se lle require para efectuar as probas de alcoholemia regulamentarias nun etilómetrode precisión, adoptando o condutor unha actitude de non cooperación na realización das mesmas, pois sopraba de forma insuficiente, a intervalos e fóra da embocadura, polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas e NEGARSE a realizar as probas de alcoholemia, na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizándose o vehículo (adxúntase imaxe).

Violencia doméstica

Sobre as 22:45 horas do día 21 de xullo unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da rúa Alfredo Brañas, xa que ao parecer nunha vivenda hai unha discusión entre un home e unha muller.

Os axentes acceden á vivenda sendo recibidos pola muller, que lles manifesta que mantivo unha discusión coa súa parella e que se insultaron e que ten a maleta preparada para irse do domicilio, manifestando que desexa interpoñer denuncia polos insultos e faltas de respecto proferidos pola súa parella durante os últimos catro anos.

Pola súa banda o home manifesta aos axentes que tamén desexa interpoñer denuncia contra a súa parella por unha rabuñaduraque presenta no pescozo e nas costas, causados pola súa parella, polo que se procede ao seu traslado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado correspondente.

Noticias relacionadas