
Accidentes de circulación e delitos contra a seguridade viaria
Na madrugada do día 21 de maio un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á rotonda da Medusa no Alto de Garabolos xa que se producira un accidente de circulación, comprobando os axentes que un turismo ao tomar a saída dunha glorieta alí existente desvíase da súa traxectoria cara a dereita, impactando contra un turismo estacionado, rexistrándose danos materiais.
Os policías observan que o condutor do vehículo presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 0,53 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.
Sobre as 7:40 horas do día 21 de maio un equipo de Atestados desprázase á Rolda do Carme, comprobando os axentes que un turismo chocara contra dous estacionados, rexistrándose danos materiais. Os policías observan que o condutor presenta signos de inxesta de alcol, sendo sometido ás probas de alcoholemia, arroxando un resultado POSITIVO de 0,76 mg/l, sendo requirido tamén para realizar o test de drogas, NEGÁNDOSE a iso, motivo polo cal se instrúen dilixencias por DOUS delitos contra a seguridade viaria, por condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e por negativa a someterse ás probas de detección de drogas.
Accidente con ferido
Na tarde do día 19 de maio un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo acode ao polígono do Ceao xa que se produciu un accidente de tráfico, comprobando os axentes que un turismo chocara contra unha bicicleta ocupada por un menor de idade, á saída do parking dun supermercado, resultando ferido o mozo que foi evacuado nunha ambulancia do 061 ao HULA, sendo localizada a súa familia que se traslada ao centro médico, instruíndose as correspondentes dilixencias.
Filtros de seguridade viaria
Durante a madrugada do sábado 20 ao domingo 21 de maio, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron diferentes controis de alcoholemia e drogas en diversas vías do centro urbano, realizándose 130 probas de alcoholemia co seguinte resultado:
- Condutor que presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de alcoholemia, arroxando resultado POSITIVO de 0,57 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, inmobilizando o vehículo.
- Condutor que arroxa resultado POSITIVO de 0,46 mg/l.
- Condutor que é sometido ás probas de alcoholemia, arroxando un resultado POSITIVO de 0,30 mg/l.
A estes dous últimos condutores se lles sanción con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, inmobilizando os vehículos.
No transcurso destes dispositivos denunciáronse a varios condutores por non pasar en prazo a ITV e por circular carecendo de Seguro Obrigatorio.
Auxilio a un menor
Na tarde do día 19 de maio unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á Avenida da Coruña xa que o condutor dun autobús informaba que un neno de 7 anos subiuse ao bus na parada da Avenida de Madrid, estando só e apenas falaba.
Os axentes póñense á fala co menor que non sabe dicir onde vive nin onde están os seus pais, sendo alertados pola Sala de comunicacións do Corpo que unha muller denunciara a desaparición do seu fillo, achegando datos físicos e de vestimenta que coinciden coa do menor, póndose en contacto coa nai que estaba a buscar ao seu fillo pola Praza Maior, lugar onde o perdeu, trasladando os axentes ao menor até un punto de encontro onde se fai cargo do neno.
Venda ambulante non autorizada
O martes e venres da semana pasada estableceuse un dispositivo para combater a ocupación de espazos públicos para a realización de venda ambulante non autorizada, levantándose 8 actas por infracción á normativa reguladora de espazos públicos dedicados á venda ambulante e 2 actas por desobediencia a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.
No primeiro caso as sancións son de 600 euros e no caso de desobediencia é unha falta grave á Lei de Seguridade Cidadá, castigada con sanción, no seu grao mínimo, de até de 600 a 10.000 euros.