Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 15 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio a persoa en parada cardirespiratoria

Sobre as 8’45 horas do mércores, día 13 de marzo, cando un axente da Policía Local de Lugo que se atopaba fóra de servizo transita pola confluencia das rúas Ourense e Tui ve un vehículo sobre a beirarrúa e coa porta do condutor aberta, o que chama a súa atención, motivando que se aproxime ao lugar, podendo observar a presenza dunha persoa tendida no chan, colocada de lado, achándose dúas persoas máis ao seu lado, unha delas en comunicación telefónica co 061.

O axente fose de servizo faise cargo de inmediato da situación e, tras comprobar que o home que se atopa tendido no chan apenas presenta pulso e que non respira, inicia as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP), manténdoas durante uns cinco minutos, ata a chegada dos profesionais sanitarios do 061, os cales continúan coas manobras de RCP e colocan un desfibrilador ao lesionado, despois de todo o cal se consegue a súa estabilización, procedendo ao seu posterior traslado a un centro hospitalario.

Durante todo o tempo que durou a intervención do axente, a muller que se atopaba no lugar inicialmente, que resultou ser a condutora do vehículo coa porta aberta que chamara a atención do policía, mantívose en todo momento en comunicación telefónica co 061, recibindo as instrución oportunas, requirindo tamén a presenza de persoal uniformado de Policía Local, que comisionó ao lugar dous indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio.

Os axentes aseguraron a zona, cortando o tráfico rodado no tramo afectado, e procederon á identificación do home que estaba a ser atendido, que resultou ter 74 anos de idade, e de varias testemuñas presentes. Os policías, despois das indagacións necesarias, tamén localizaron ao fillo do afectado, a quen informou do ocorrido telefonicamente.

Os policías tamén contactaron co persoal da ambulancia medicalizada, sendo informados de que presuntamente se trataba dunha parada cardiorrespiratoria con fibrilación ventricular e que posiblemente a rápida intervención do axente fose de servizo permitira manter con vida ao home afectado.

É importante apuntar que o axente que interveu fóra de servizo, recentemente acudiu a un curso formativo (celebrado nos meses de febreiro e marzo do presente ano), igual que todos os membros do persoal da Policía Local de Lugo, sobre a utilización do desfibrilador e a prestación de primeiros auxilios en situacións de paradas cardiorrespiratorias, atragoamentos, etc.

Auxilio a cidadáns

Durante a mañá do mércores, os axentes de Policía de Barrio tamén auxiliaron a dúas persoas que se caeron na vía pública, unha delas na confluencia da Praza de Santo Domingo coa rúa Reina, que resultou ser unha muller de 81 anos que, tras ser atendida polo 061, foi trasladada ao HULA; e a outra en cálea San Marcos, resultando ser unha muller de 62 anos de idade, que foi atendida pola mesma ambulancia e trasladada tamén ao HULA.

Xa durante a noite, do mércores ao xoves, os axentes do Grupo Operativo Nocturno, foron comisionados nun domicilio da rúa Manuel Murguía, onde prestaron auxilio a unha muller, de 99 anos de idade, que se caeu á beira da cama, sen que o seu fillo fose capaz de levantala por se só. Non foi necesaria a intervención de servizos sanitarios.

Ás 18’55 horas do xoves, a sala do 092 recibe información sobre unha persoa que se atopa indisposta na rúa Primavera, polo que comisiona no lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes localizan no lugar a unha parella, sendo informados de que a muller, que se atopa embarazada, sofre mareos e vómitos, polo que se solicita a presenza dunha ambulancia, que presta unha primeira asistencia e procede ao seu traslado a un centro sanitario.

Disputa na vía pública

Ás 17’45 horas do mércores, a Sala do 092 recibiu información sobre un home que zarandeaba a unha muller na Avd. da Coruña, polo que se trasladou ao lugar de inmediato un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes contactan coa testemuña-requirente e proceden á identificación do home e a muller que discutían, resultando que non eran parella e a disputa era por un teléfono móbil que o home regalara á muller e quería que llo devolvese. Ao non existir lesións, ambos foron informados dos trámites para seguir para formalizar denuncia polo sucedido.

Incendio en vehículo

Ás 3’40 horas do xoves, os axentes do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse a rúa Juana la Loca, onde había un coche estacionado en chamas. Ao chegar ao lugar, os axentes comproban que os veciños xa moveran varios vehículos estacionados preto do incendiado para que non resultasen afectados, asegurando a zona para que o Servizo de Extinción de Incendios realizase os seus labores con garantías.

Durante o incendio, o vehículo afectado quedou sen freo nin marcha e moveuse lixeiramente, impactando contra outro estacionado, ao que causou danos de pouca entidade. Finalmente o automóbil foi retirado da vía pública pola asistencia da aseguradora.

Durante a mesma noite, ás 22’30 horas, os axentes tamén acudiron á parroquia de Muxa de Arriba, onde había un contedor de residuos en chamas. Actuou o Servizo de Extinción de Incendios, comprobando que ardera un sofá depositado á beira do contedor, afectando a este último. (foto 1)

Instalación de cheminea ilegal

Ás 13’15 horas do xoves, cando un indicativo de Policía de Barrio realizaba patrulla preventiva pola avenida de Madrid observou que, dunha das vivendas unifamiliares, instalouse unha saída de fumes que non cumpría cos requisitos mínimos legais para a súa colocación e funcionamento con seguridade, motivo polo cal levantaron acta dos feitos, para a súa remisión ao servizo técnico municipal correspondente, para o inicio do expediente oportuno. (foto 2)

Multimedia

  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas