Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 14 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Filtros seguridade viaria

Ás 22’15 horas do luns 12, a Sala do 092 recibe un aviso sobre un condutor que circula cun vehículo de forma irregular, chegando a entrar en contacto con algún elemento da vía. Organízase un dispositivo de procura e os axentes localizan ao citado condutor na rúa Ciudad de Vigo, practicándolle as probas de detección de drogas, nas que lanzou un resultado positivo en benzodiacepinas e anfetaminas, motivo polo cal foi denunciado administrativamente, o que conleva unha sanción económica de 1000 € e a detracción de 6 puntos da autorización administrativa para conducir.

Vehículo sorprendido, durante a noite de martes a mércores, circulando sen ter concertado seguro obrigatorio, motivo polo cal o seu titular foi denunciado e o vehículo inmobilizado no lugar.

Condutora sorprendida circulando de forma irregular por rúa Concepción Arenal, durante a noite de martes a mércores. Os axentes do Grupo Operativo Nocturno solicitan a presenza da Unidade de Atestados, que practica as probas de alcoholemia regulamentarias, obtendo resultado positivo de 0.72 e 0.68 mg/L, polo que se instrúen dilixencias por presunto delito contra a seguridade viaria, polo procedemento de xuízo rápido.

Aparcacoches

Durante a mañá do martes 13, nunha das roldas de vixilancia que a Unidade Territorial de Policía de Barrio realiza a diario polas inmediacións do HULA, os axentes sorprenderon a tres persoas exercendo a actividade de aparcacoches, para o que se introducían na calzada, co consecuente perigo para si mesmos e para o resto de usuarios da vía, motivo polo cal foron denunciados e apercibidos para que cesasen en tal actividade.

Auxilio a cidadán

Ás 14’30 horas do martes, a Sala do 092 recibiu información sobre unha persoa que se atopaba indisposta e tendida sobre un banco na Avd. de Ramón Ferreiro. Comisionada de inmediato unha patrulla no lugar, os axentes de Policía de Barrio comproban que se trata dun mozo, que se incorpora para falar con eles e que, a pesar de acharse aparentemente baixo a influencia do alcol, manifesta atoparse ben e estar a descansar, polo que se dá por finalizada a actuación.

Noticias relacionadas