Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 12 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

 A Área de Xestión Integral de Recursos Internos do Concello de Lugo vén de emitir unha resolución baseada no ditame do Comité de Valoración de Acoso Laboral, na que se determina que non existiu acoso por parte da concelleira de Cohesión Social, tras analizar as acusacións presentadas por un grupo de traballadores municipais.

Segundo recolle o documento, “dos escritos presentados e das condutas neles descritas e das que as solicitantes acusan tanto á Concelleira Delegada de Área como á Xefa do Servizo de Benestar Social, non se deduce que se cumpran os requisitos para considerar que estean a sufrir acoso laboral”.

A resolución explica que, conforme ao cuadernillo de procedemento de actuación ante o acoso laboral, existen unha serie de características comúns que definen este tipo de condutas, e que, segundo o órgano técnico, non se produciron no caso analizado. Por este motivo, conclúese que “non hai lugar a iniciar investigación por considerar que non existe acoso laboral, tal e como se motiva polo Comité de Valoración de Acoso Laboral”, cuxas conclusións se transcriben no corpo da resolución.

Desde o Goberno local, concordando co ditame do Comité de Acoso, corrobora que non se tratou dun caso de acoso laboral, repectando a profesionalidade, a boa labor do servizo así como e o compromiso da concelleira e do persoal do servizo, cuxa labor é fundamental para o funcionamento dunha área tan sensible como a de Cohesión Social, pola súa repercusión directa nas prestacións sociais que recibe a cidadanía.

O Executivo municipal lamenta o dano persoal e reputacional causado a unha compañeira que traballa diariamente ao servizo da veciñanza, e fai un chamamento a non banalizar nin empregar con fins alleos acusacións tan graves como as de acoso laboral, que deben ser tratadas sempre con responsabilidade, respecto e rigor institucional.

Así mesmo, mostra a súa total disposición a abordar calquera demanda profesional e contribuír de forma activa e conxunta, e dende o consenso, a mellorar calquer aspecto do funcionamento interno de calquera dos servizos muncipais que compoñen o Concello de Lugo.

Noticias relacionadas