
Detención por delito de roubo con violencia
Na tarde de onte, varias patrullas da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, acoden a un supermercado da rúa Monterio Ríos xa que ao parecer unha parella subtraera mercadoría. Os axentes comparecen de inmediato e son informados polo persoal do establecemento que sorprenderon a unha parella roubando produtos cárnicos e mentres a estaban retendo, esperando a chegada dos policías, agrediron a unha traballadora do local, dándolle varias puñadas para tentar fuxir e ameazándoa, golpeando un dos arcos de seguridade do supermercado, causando a súa rotura. Os axentes localizan e interceptan a esta parella, un home de 37 anos e unha muller de 36 anos, veciños desta cidade, procedendo á súa detención por un presunto delito de roubo con violencia, sendo trasladados a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda, acudindo a empregada agredida a un centro médico para ser asistida das súas lesións.
Inspección de locais de hostalería
Durante a madrugada, por parte de efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo realizáronse dúas inspeccións en senllos establecementos de hostalería da cidade. O primeiro na rúa Pintor Villamil onde se levantou acta de denuncia por infracción á normativa de espectáculos públicos de Galicia por exceder, no exercicio da súa actividade, o límite horario establecido e o segundo na rúa Amor Meilán por infracción á Ordenanza de Contaminación Acústica do Concello por permitir o seu responsable sacar vasos ao exterior do local.
Atropelo
Sobre as 11,40 horas do día de onte un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á rúa Escultor Asorei, intersección coa rúa Río Lor, xa que se produciu un accidente de circulación no que un vehículo atropelara a unha peón, a cal foi evacuada nunha ambulancia do 061 a un centro médico da cidade, non revestindo gravidade as súas lesións, instruíndose o oportuno atestado. A condutora do vehículo circulaba pola rúa Río Lor e ao realizar o xiro facía cale Escultor Asorei, uns metros despois do paso de peóns, non se decatou da presenza na calzada dun peón que a cruzaba, golpeándoa coa parte frontal do vehículo. Realizáronse probas de detección alcohólica á condutora, lanzando resultado NEGATIVO.
Venda ambulante non autorizada
Na mañá do martes 8 levantáronse 5 actas por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá ao sorprender a outras tantas persoas, realizando venda ambulante non autorizada, ocupando o espazo público, propoñéndose sancións de 600 euros para cada un deles.
Aparcacoches non autorizados
Na mañá de onte foron sorprendidos catro homes exercendo a actividade ilegal de aparcacoches na contorna do HULA, sendo denunciados por infracción á normativa de Seguridade viaria por ocupar a calzada para ofrecer estacionamentos aos condutores, co consecuente risco para a seguridade viaria.