Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 4 ao 6 de novembro.

Luns, 07 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detención por roubo con forza

Sobre as 13:10 horas do día 4 unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, cando se atopaba de servizo na rúa Quiroga Ballesteros, escoita berros dunha muller que pide auxilio, observando como outra muller corre en dirección á rúa Nova, lanzando ao chan un bolso que portaba na man e continuando a súa carreira.

Os axentes proceden a interceptala, manifestando a persoa que solicitara auxilio que momentos antes, mentres camiñaba pola rúa, foi abordada por detrás pola agora detida, arrebatándolle o bolso á forza.

Os axentes proceden á recuperación do bolso, que a vítima recoñece como seu, procedéndose á detención da muller, de 23 anos de idade, que se nega a identificarse, sendo trasladada a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por un presunto delito de roubo con forza, para a súa remisión á Autoridade Xudicial.

Detención por presunto roubo

Sobre as 12:15 horas do día 4, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo na rúa Concepción Arenal, é requirida por un cidadán que lles informa que denunciou un roubo no seu vehículo e indícalles que o presunto autor atópase na rúa Tuy. Os axentes, coa descrición dada polo requirente, localizan a esta persoa que é trasladada a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

Delitos contra a seguridade viaria e controis de alcoholemia

Durante a fin de semana, por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio e do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, intensificáronse os controis de alcoholemia, establecéndose diversos filtros de seguridade viaria, coa utilización de vehículos policiais rotulados e camuflados, detectándose 10 condutores que lanzaron resultado POSITIVO nas probas de alcoholemia ás que foron sometidos.

Dos dez positivos CATRO deles foron investigados como autores dun delito contra a seguridade viaria, ao lanzar taxas superiores a 0,60 mg/l.

Os controis onde se detectaron os condutores con taxas de alcol foron na Rolda da Muralla, rúa da Industria, rúa Escocia, Armando Durán e rúa San Roque e os resultados foron os seguintes:

Alcoholemias penais:

  • 0,82 mg/l
  • 0,79 mg/l
  • 0,74 mg/l
  • 0,67 mg/l

A estes condutores instruíronselles dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, procedéndose á inmobilización dos vehículos.

Alcoholemias administrativas:

  • 0,61 mg/l
  • 0,60 mg/l
  • 0,47 mg/l
  • 0,42 mg/l
  • 0,40 mg/l
  • 0,33 mg/l

Aos dous primeiros abríuselles expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos e aos restantes sancionóuselles con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos.

Así mesmo, formuláronse diversas denuncias por infraccións administrativas relacionadas co estado do vehículo e documentación de condutores, destacando 12 denuncias a outros tantos titulares por non presentar os seus vehículos á ITV no prazo debido.

Auxilio á cidadanía

  • Sobre as 18:45 horas do día 4 unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo desprázase a un local de hostalería da rúa Industria xa que ao parecer un home está a molestar aos clientes. Os axentes proceden á identificación dun mozo que se atopa en estado de embriaguez, procedendo a sacalo do interior do establecemento, rexeitando calquera tipo de asistencia médica, non desexando os responsables do local presentar ningún tipo de denuncia, levantando o correspondente parte de intervención policial.
  • Ás 16:55 horas do día 5 unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa Cidade de Vigo xa que hai un home na calzada que non é capaz de poñerse en pé e existe risco de atropelo. Os axentes localizan a esta persoa, sacándoo fóra da calzada, observando que ten tremores e non pode poñerse en pé, sendo auxiliado, requirindo a presenza dunha ambulancia do 061, onde é trasladado ao HULA para a súa atención médica.
  • Sobre as 23:40 horas do día 5 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a unha vivenda da rúa dos Gardas xa que unha persoa caera no interior do seu domicilio e era incapaz de poñerse en pé. Os axentes observan a un home que se atopa tendido no chan do cuarto de baño, encaixado na bañeira, sendo auxiliado polos policías, que o incorporan, rexeitando calquera tipo de asistencia sanitaria xa que non sufrira lesión algunha.

Noticias relacionadas