
Inspección de locais de hostalería
Por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procedeuse á inspección dun local de hostalería situado na rúa Tui, levantándose acta por diversas infraccións á Lei de Espectáculos e Actividades Recreativas de Galicia. INFRACCIÓNS:
- A pesar de que o local ten licenza de café-bar, pertencente ao Grupo I, que non lle habilita a ter música, os axentes comprobaron que ten un equipo musical sen autorización a gran volume, con varios altofalantes, barra de son, subwooferinalámbrico, etc.
- Exerce unha actividade dun Grupo de clasificación distinto ao que figura na licenza, pois exerce como un PUB, sen que no interior haxa apenas iluminación.
- Instalación de máquinas comecartos sen autorización.
- Incumprimentos de medidas de seguridade e hixiene.
- Non dispón de carteis informativos da existencia de follas de reclamacións.
- Non dispón de lista de prezos visible.
- Os extintores están caducos.
- Unha das xanelas foi tapiadapara que non entre luz ao interior e a porta de entrada é completamente opaca, sendo a ventilación moi deficiente.
Tamén se levantou acta de denuncia por infracción á Lei de Espectáculos e Actividades Recreativas de Galicia ao detectar un café bar situado na rúa Pintor Luís Seoane que excedía, no exercicio da súa actividade, o límite horario establecido, xa que a inspección se levou a cabo ás 3:20 horas, comprobando os axentes que había xente no interior consumindo bebidas.
Delito contra a seguridade viaria
Sobre as 15:30 horas do día de onte unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo dá o “alto” a un vehículo na Rolda das Fontiñas, comprobando que carece de Seguro Obrigatorio e o titular non o levara a pasar a ITVno prazo debido. Consultada as bases de datos policiais compróbase tamén que o condutor CARECE de permiso de condución por NON OBTELO NUNCA, polo que é trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo. Este condutor enfróntase a unha pena de prisión de 3 a 6 meses ou multa ou traballos en beneficio da comunidade e ademais abríuselle expediente sancionador cunha sanción de 1.700 euros.