Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 03 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Na tarde do día 26 de outubro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa Illa da Toxa, xa que uns mozos están a efectuar disparos cunha escopeta de balotes a unhas galiñas que se atopan no devandito lugar. Ao chegar á zona, os axentes identifican a dous mozos que responden á descrición dada polas testemuñas, un de 24 e outro de 18 anos que ao ser preguntados polos feitos manifestan que fixeran uso dunha arma de “airsoft”, a cal proxecta bólas de plástico, dirixindo algúns disparos a lugares nos que non se atopaban nin persoas nin animais e tamén dirixindo disparos cara ás pernas o un ao outro, podendo comprobar os axentes como un dos mozos presenta varias marcas de negróns compatibles cos impactos.

Os axentes localizan un rifle escondido detrás dunha árbore, identificándoo como unha arma da 4ª categoría do Regulamento de Armas, suxeita a tarxeta de armas para que autorice o porte e uso, carecendo os mozos da devandita autorización. Así mesmo como ambos os mozos manifestan non ser propietarios da arma localízase ao titular da mesma, un mozo de 19 anos, o cal non acredita ningún documento que xustifique a compra, carecendo tamén de tarxeta de armas.

Así mesmo os policías trasládanse á tenda onde o mozo dixera que a adquirira, figurando nos seus rexistros como vendida a esta persoa. Por todo o relatado os axentes levantan actas de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá e por infracción ao Regulamento de Armas, sendo remitida á Intervención de Armas da Garda Civil de Lugo.

Multimedia

  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas