COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Xoves, 08 de xuño de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Detención por violencia de xénero e resistencia a axentes da autoridade

Sobre as 23:30 horas do día 7 de xuño, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo foi comisionada pola Sala do 092 para que se trasladase á rúa Otero Besteiro xa que, ao parecer, había unha parella agredíndose na vía pública.

Os axentes preséntanse de inmediato, observando a un home que está a ser suxeitado por outro home, mostrando un gran estado de axitación, indicando varias testemuñas que agredira á súa noiva. Así mesmo, unha testemuña manifestou que momentos antes, nun local de hostalaría próximo, estiveron a consumir alcol, comezando o home a insultar á súa parella, empuxándoa e suxeitándoa para que non se fose e que nun momento dado agrediu a un home que tentaba tranquilizalo con varias puñadas e cabezazos.

Os axentes proceden á identificación destas persoas, comprobando que a muller xa se marchara do lugar, polo que dan coñecemento ao resto de patrullas para a súa procura, sendo localizada na Avenida da Coruña, manifestando que discutira co seu noivo e que ao querer marcharse do lugar, este agarrouna para impedir que se fose.

Polos feitos relatados os axentes proceden á detención do home, de 30 anos de idade, que ofrece forte resistencia, tendo que ser reducido e inmobilizado polos policías, sendo trasladado a un centro médico e posteriormente a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por estes feitos.

A muller rexeitou ser asistida nun centro médico, manifestando que pasaría a noite en casa duns amigos.

Intervención por discusión de parella

Na tarde do día de onte, 7 de xuño, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode á Avenida da Coruña, xa que cidadáns comunican que hai unha discusión de parella na vía pública. Os axentes preséntanse de inmediato no lugar, identificando a un home que manifesta que discutira coa nai da súa filla, estando presente tamén a muller, que indica que tivo unha discusión coa súa ex parella pola custodia da filla de ambos, manifestando que non fora agredida, pero que quere arranxar o problema da custodia da súa filla.

Os axentes identifican tamén a testemuñas destes feitos, instruíndo dilixencias para o Xulgado correspondente.

Controis de velocidade

Establecéronse diferentes controis de velocidade en vías onde se detecta un incremento do número de accidentes de circulación, empregando para iso un vehículo policial dotado de cinemómetro, co seguinte resultado:

- VEHÍCULOS CONTROLADOS: 1.405 vehículos.

- CONDUTORES DENUNCIADOS POR PASAR A VELOCIDADE ESTABLECIDA (50 KM/H): 78.

Noticias relacionadas