Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 28 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Curso Drogotest

Na semana do 26 ao 30 de outubro de 2020 está a realizarse, nas aulas de formación da Xefatura da Policía Local de Lugo, un curso sobre “Drogotest e aspectos esenciais dos delitos contra a seguridade viaria”, impartido por un Inspector do Corpo da Policía Local de Lugo, experto nesta materia e profesor da Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia.

Ao devandito curso asisten máis dunha vintena de axentes, non só do persoal da Policía Local de Lugo senón doutros persoais da provincia de Lugo.

O curso contempla aspectos teóricos e prácticos en canto ao manexo dos equipos “drogotest” para a realización de probas consistentes en detectar a presenza de drogas tóxicas, estupefacientes e substancias psicotrópicas nos condutores dos vehículos.

Esta proba consiste basicamente nun test salival, ao que obrigatoriamente deberá someterse o condutor, estando obrigado a facilitar saliva en cantidade suficiente, que será analizada en laboratorios homologados.

Así mesmo dedicarase un módulo formativo aos delitos contra a seguridade viaria: condución con exceso de velocidade punible, condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou baixo a influencia de drogas, condución manifestamente temeraria, negativa a someterse ás probas de alcol ou drogas, condución con perda de vixencia de licenza ou permiso por perda total de puntos, privación xudicial cautelar ou definitiva, ou sen obtelo nunca e obstáculos na vía pública; e a estrutura básica dos atestados policiais por este tipo de condutas penais.

Tamén se imparte un módulo práctico sobre o manexo dos etilómetros de precisión e de aproximación para a detección de alcol nos condutores.

Na actualidade o Corpo da Policía Local de Lugo conta con varios equipos para a detección de drogas no organismo e para a realización de probas de alcoholemia.

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 2:20 horas do día 28 de outubro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo observa que un vehículo que circula pola rúa Montefaro non respecta a luz vermella do semáforo, situado na confluencia coa Avenida Infanta Elena.

Os axentes danlle o “alto” comprobando que o condutor presenta signos de embriaguez polo que é sometido ás probas de detección alcohólica arroxando un resultado POSITIVO de 0,70 mg/l, triplicando a taxa máxima establecida, polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

O condutor foi sancionado por non respectar a luz vermella dun semáforo con 200 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de conducir e enfróntase a unha pena de prisión de tres a seis meses, á multa de seis a doce meses ou á de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, e, en calquera caso, coa de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

Noticias relacionadas