Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 25 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Entre os días 21 e 24 de maio a Policía Local de Lugo propuxo para sanción a 20 persoas por diversos motivos, todos eles relacionados coas medidas de prevención establecidas con motivo do Covid-19:

Denunciouse a 8 persoas por acharse en grupos de non conviventes en condicións non permitidas e 4 persoas por non facer uso de máscara.

  • Ás 1.15 horas do día 23, durante un dispositivo establecido para o control de actividades, accédese ao interior dun local da rúa Salvador de Madariaga comprobando que presenta un aforo moi superior ao permitido, co perigo consecuente, o cal se vía aumentado polo feito de permanecer as portas de saída pechadas.

Constátase tamén que había persoas consumindo na barra e, ademais, as mesas instaladas non cumprían coa distancia de seguridade preceptiva. O local tampouco presentaba a obrigatoria cartelería relativa ao aforo permitido e, a pesar de estar a exercer a actividade fose do horario establecido, facía uso dun equipo reprodutor de son.

Levantouse acta de todas as infraccións observadas.

  • Á 1’10 horas do día 25, unha patrulla observa a circulación  errática dun vehículo pola rúa Armórica, motivo polo cal procede a deter a súa marcha, comprobando que o automóbil está ocupado por dúas persoas non conviventes, motivo polo cal se confeccionaron as denuncias correspondentes.

Ao serlle requirido, o condutor, un mozo de 22 anos, presenta un permiso de conducir cuxos datos fan sospeitar aos axentes, que realizan indagacións sobre o seu contido, chegando á conclusión de que non pertence ao citado condutor, o cal é trasladado a dependencias policiais para a súa identificación fidedigna, resultando ser outra persoa e carecer de permiso de conducir.

Instrúense dilixencias por un delito de suplantación de estado civil e por un delito contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo de motor carecendo de permiso.

  • Ás 19’45 horas do día 21 denúnciase a un individuo, nas inmediacións do  HULA, por atoparse camiñando pola calzada, exercendo a actividade de aparcacoches, co consecuente perigo para a súa propia integridade física e obstáculo para a circulación; advertíndolle de que ha de cesar na devandita actividade.
  • Ás 20’00 horas volve sorprender ao mesmo suxeito nas mesmas circunstancias, polo que é denunciado por desobediencia a un axente da autoridade, por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.
  • Ás 8’50 horas do día 23, unha patrulla trasládase a un domicilio da rúa  Laverca debido á existencia de queixas por ruídos, os cales xa se produciron tamén durante a noite. Os axentes poden comprobar que no interior do domicilio atópanse cinco non conviventes, todos os cales son identificados salvo un deles, que tenta fuxir do lugar sen identificarse, sendo detido polos policías e trasladado a dependencias policiais, para a tramitación de dilixencias por un presunto delito de resistencia e atentado.

Continúase coa campaña de control de velocidade, sendo controlados 581 vehículos que circulaban pola  Avd. Infanta Elena os días 21 e 22, denunciando a 13 automóbiles que superaban a velocidade establecida no lugar.

Noticias relacionadas