Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 24 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Incumprimentos medidas COVID-19

Na madrugada do día 24 de setembro efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo levantaron DÚAS actas denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao detectar a dúas persoas que camiñaban pola vía pública sen facer uso da máscara de protección e non se atopaban en ningunha das causas de exención contempladas na Real Decreto Lei 21/2020.

Así mesmo levantouse acta de infracción ao detectar a unha condutora que circulaba pola vía pública, da que se pescudou que dera POSITIVO nas probas de COVID-19, non realizando a proba que tiña concertada días máis tarde para saber se seguía tendo o mesmo resultado, entendendo que seguía sendo positivo, INCUMPRINDO A CORENTENA OU ILLAMENTO POR NEGLIXENCIA GRAVE E POÑENDO EN RISCO A SAÚDE DOUTRAS PERSOAS. Esta conduta leva aparellada sanción de 3.005’07 a 15.025’30 euros.

Intervención da Unidade de Atestados en accidentes de circulación ocorridos no centro urbano o día 23 de setembro

13:45 horas.- Accidente de circulación na rúa Nubeiro. Dous vehículos implicados con resultado de danos materiais.

15:50 horas.- Accidente de circulación en Serra de Meira. Colisión frontal entre dous vehículos. Como consecuencia do accidente resultaron feridas 2 persoas (condutor e acompañante dun dos vehículos) que foron evacuados a un centro sanitario da cidade, ao parecer con feridas leves. Os axentes ademais abren expediente sancionador ao presunto responsable con multa de 500 euros e 6 puntos de retirada do seu permiso de condución ao circular pola esquerda nunha vía de dobre sentido de circulación en sentido contrario ao estipulado.

17:52 horas.- Accidente de circulación na rúa Yañez Rebolo confluencia con Rúa Mallorca. Un turismo causa danos nos bolardos situados na beirarrúa, ausentándose do lugar. O equipo de Atestados xa pescudou a placa de matrícula do vehículo e instrúense as correspondentes dilixencias.

18:14 horas.- Accidente de circulación na rúa Cánovas del Castillo. Un vehículo ao realizar a manobra de estacionamento causa danos a outro estacionado.

22:10 horas. Accidente de circulación na confluencia das rúas Dona Urraca e Lamas de Prado. Dous vehículos implicados con resultado de danos materiais.

Molestias por ruído en interior de vivenda

Sobre as 22:30 horas do día 23 de setembro de 2020 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á Avenida da Coruña xa que, segundo denuncian os veciños, desde unha das vivendas dun inmoble escóitase moito ruído que imposibilita o descanso. Os axentes constatan que se escoita volume de música en ton alto, polo que identifican ao responsable ao que se lle require para que cesen as molestias o que fai ao instante.

Noticias relacionadas