COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Venres, 28 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Molestias por música

Ás 8:15 horas da mañá do xoves, a Sala do 092 traslada un indicativo de Policía de Barrio a un inmoble da rúa Rof Codina, desde onde se recibiu unha queixa por ruídos.

Unha vez no lugar, os axentes son informados de que é frecuente que proceda música dun piso adxacente, así como voces e berros, algo que pode ser comprobado nese momento, motivo polo cal os policías se dirixen ao piso do que procede a música, advertindo á moradora das molestias que está a causar, as cales cesan de inmediato.

Por motivos similares, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno trasladouse, ás 00:40 horas, a unha vivenda da Avenida de Madrid, tamén con resultado idéntico.

Incendio en contedor

Ás 15:25 horas, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio foi comisionada na rúa San Xillao, onde estaba ardendo un contedor destinado ao papel. Unha vez no lugar foi necesario requirir a presenza do Servizo de Bombeiros e cortar o tráfico rodado mentres duraron os traballos de extinción, que lograron que non resultase afectado ningún outro elemento da vía.

Subtracción de televisor

Ás 13:10 horas, a Sala do 092 recibe información sobre unha muller que se levou un televisor dunha pensión da Rolda da Muralla, depositándoo nun establecemento próximo e regresando á pensión para recoller o mando a distancia, tras o cal ausentouse por unha xanela da parte traseira, que comunica coa rúa Rafael de Vega. O indicativo de Policía de Barrio comisionado no lugar púxose en contacto coa requirente do servizo, tras o cal localizou o televisor subtraído e pescudou a identidade da presunta muller que llo levou, iniciando as dilixencias oportunas.

Filtros de seguridade viaria

Durante a noite de xoves a venres, os axentes do Grupo Operativo Nocturno e da Unidade de Atestados, realizaron as probas de alcoholemia a unha condutora na rúa do Carmen, nas que lanzou resultado de 0.41 e 0.33, polo que foi denunciada administrativamente.

Tamén levaron a cabo filtros durante o día, por parte da Unidade Territorial de Policía de Barrio, denunciando 5 vehículos que non foran sometidos á inspección técnica periódica no prazo debido, a 2 que non tiñan concertado o seguro obrigatorio e 1 que circulaba con placa vermella sen o correspondente boletín obrigatorio.

Aparcacoches ilegais

Durante a mañá do xoves tamén foron denunciadas tres persoas por exercer a actividade de aparcacoches nas inmediacións do HULA.

Accidentes

Ademais dos accidentes de circulación que foron atendidos pola Unidade de Atestados, a Unidade Territorial de Policía de Barrio tivo que acudir ás Gándaras, nas inmediacións do campo de fútbol, onde unha árbore caera sobre varios vehículos. Unha vez no lugar, tras comprobar que non resultara lesionada ningunha persoa, os axentes adoptaron as medidas necesarias para asegurar a zona e requiriron as presenza do Servizo de Bombeiros, para unha primeira intervención; corroborando que resultaran danados dous vehículos estacionados no lugar.

Noticias relacionadas