COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Martes, 25 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Denuncia por falta de respecto aos axentes da autoridade

Durante a mañá do luns 24, cando un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio regulaba o tráfico nas inmediacións da Avenida de Ramón Ferreiro, un dos axentes tivo que dirixirse a unha condutora que tiña o vehículo estacionado de forma incorrecta na confluencia das rúas Pintor Corredoira e Armórica, co cal obstaculizaba a circulación dos demais.

Devandita condutora, aínda que finalmente atendeu as ordes do axente, proferiu frases contra el tales como “es un imbécil”, motivo polo cal, ademais do correspondente boletín de denuncia por infracción ao Regulamento Xeral de Circulación, o policía realizou unha denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá.

Delito contra a seguridade viaria

Durante a mañá do luns tamén foi localizado un condutor, presunto causante dun accidente de circulación, o pasado día 23, que se ausentou do lugar do incidente. Dita localización foi posible grazas á colaboración cidadá.

O condutor foi sorprendido cando introducía o vehículo, presuntamente implicado no accidente, no interior dun garaxe, manobra que acelerou cando observou a presenza policial. A pesar diso, os axentes lograron interceptar ao rapaz, comprobando que perdera a vixencia da súa autorización administrativa para conducir, motivo polo cal, ademais de finalizar o cumprimento do atestado polo accidente de circulación, instrúense dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.

Localización cans agresivos

Durante as indagacións realizadas para a localización dos cans que, na noite do mércores 19, atacaron a varias galiñas na parroquia de Sta. María Alta, recibiuse a chamada telefónica de quen dixo ser propietaria dos animais, quen facilitou a súa retirada por parte do Servizo de Lacería. Púidose comprobar que os animais, que coincidían coa descrición achegada pola persoa afectada, tiñan toda a documentación en regra, polo que xa constan todos os datos necesarios para xestionar calquera reclamación, á que a persoa prexudicada, nun principio, renuncia.

Noticias relacionadas