Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 22 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Detención por presunto delito de violencia de xénero

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procederon á detención dun home de 31 anos, como presunto autor dun delito de violencia de xénero. Os feitos sucederon sobre as 23:00 horas do día 21 de abril cando foron comisionados pola Sala de Comunicacións do 092 para que se trasladaran a unha vivenda da rúa Aceroleiro xa que unha veciña escoitaba unha forte discusión entre unha parella e fortes golpes así como expresións da muller como “sóltame a coleta, non me golpees a cabeza”.

Inmediatamente os axentes preséntanse no domicilio indicado pola testemuña sendo recibidos por unha muller chorando, nerviosa e coa cara colorada, manifestando que non pasara nada no seu domicilio. Os policías pregúntanlle se está soa, ao que inicialmente responde que si, pero ao solicitarlle autorización para acceder ao interior e comprobar o indicado, a muller lles manifesta que está acompañada pola súa parella. Que por todo o relatado ao haber suficientes indicios dun presunto delito, procédese á detención do individuo e ao seu traslado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias oportunas para o Xulgado correspondente.

Estado de Alarma

Na mañá do día 21 de abril, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo estableceron varios controis en diferentes vías do centro urbano para comprobar o cumprimento da norma do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sobre as condicións de utilización de determinados medios de transporte terrestre de viaxeiros.

Por tal motivo levantáronse SETE actas de infracción por incumprir o establecido na devandita disposición, ao detectar que nos vehículos nos que deba viaxar máis dunha persoa non se respectaba o indicado na devandita norma, de facelo, como máximo, unha persoa por cada fila de asentos, comprobando os axentes como os ocupantes facíano xuntos na mesma fila.

A Policía Local de Lugo lembra que as condutas contrarias ao establecido no Real Decreto polo que se declara o Estado de Alarma son consideradas como infraccións graves á Lei de Protección da Seguridade Cidadá con multas de 601 a 30.000 euros.

Noticias relacionadas