COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Xoves, 25 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Filtros de seguridade viaria

Nos filtros de seguridade viaria levados a cabo durante a xornada do martes pola Unidade de Atestados, Unidade Territorial de Policía de Barrio e Grupo Operativo Nocturno, detectáronse as seguintes infraccións:

- Ciclomotor circulando pola confluencia das rúas Río Sil e Otero Pedrayo, o cal non leva as placas de matrícula visibles, non foi sometido á inspección técnica periódica no prazo debido e non ten concertado seguro obrigatorio, por todo o cal se confeccionan as oportunas denuncias administrativas.

Os axentes poden comprobar tamén que o condutor do devandito ciclomotor carece de permiso de conducir, xa que non o obtivo nunca, motivo polo cal se inician dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria. O vehículo foi inmobilizado.

- Turismo observado cunha condución irregular no Paseo dos Estudantes. O condutor presenta signos externos de atoparse baixo a influencia do alcol e é sometido ás probas regulamentarias, lanzando un resultado de 0.75 e 0.70 mg/l, motivo polo cal se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, polo procedemento de xuízo rápido.

Incendio

Ás 17:20 horas do mércores, a Sala do 092 recibe un aviso por un incendio nunha zona próxima á rúa Fontaneira. Acudidos de inmediato no lugar, os policías comproban que se trata de lume nunha zona de matogueira baixa, polo que proceden a asegurar a zona ata que o Servizo de Extinción de Incendios controla as chamas e dá o incendio por extinguido.

Molestias por ladridos de can

Ás 1:50 horas, a Sala do 092 recibe unha chamada telefónica dun veciño da rúa Luís Seoane que manifesta non poder conciliar o soño debido aos ladridos dun can que se atopa na vía pública.

Unha vez no lugar, os axentes comproban a veracidade da información, observando a presenza dun grupo de persoas cun can, procedendo á identificación do animal, da persoa que o controlaba e, posteriormente, da súa dona, que nese momento non se atopaba presente. O mozo que levaba o can manifestou que os ladridos se debían a que as demais persoas do grupo xogaban con el, cesando niso de inmediato.

Discusión de parella

En horas da noite de mércores a xoves, a Sala do 092 comisionou varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno na rúa da Saúde, desde onde se recibiu un aviso por unha forte discusión de parella nun domicilio. Unha vez no lugar, os axentes entrevistáronse cos dous moradores da vivenda, os cales manifestaron estar discutindo por temas económicos, pero que non pasara de ser unha simple discusión, polo que, ante a falta de indicios de violencia física e a negativa ambos os membros da parella para denunciar ningún feito, os policías ausentáronse do lugar.

Mancha de aceite en vía pública

Tamén en horas da mesma noite, os axentes acudiron á rúa Río Navia, onde había unha mancha de aceite sobre a calzada, motivo polo cal procederon a asegurar a zona, para garantir a seguridade viaria, ata que o servizo de limpeza eliminou a citada mancha. 

 

Noticias relacionadas