Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 15 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 19:00 horas do día 13 de marzo recíbense chamadas na Central de Comunicacións do 092 de que un vehículo circula a gran velocidade pola Rolda da Muralla, estando ebrio o condutor, insultando aos peóns e derrubando os conos que delimitan o carril de “paseo”.

Para tratar de localizar o vehículo establécese un operativo especial no que interveñen indicativos policiais da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo e o equipo de Atestados do devandito Corpo, logrando localizalo aos poucos minutos circulando pola rúa García Abad, momento no que é interceptado.

Compróbase que o condutor presenta signos de embriaguez, polo que é sometido ás probas de detección alcohólica arroxando un resultado POSITIVO de 0,80 mg/ l (triplo do permitido), polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria para a súa remisión ao Xulgado de Garda, sendo o vehículo retirado polo Servizo de Guindastre e inmobilizado no Depósito Municipal.

No rexistro efectuado ao condutor intervense unha bolsa de plástico que contén unha substancia, presuntamente marihuana, polo que se levanta acta de infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá por tenencia de substancias psicotrópicas.

Tamén se comproba que presenta permiso de conducir caducado desde o ano 2019, polo que se procede á súa intervención para a súa remisión á Xefatura Provincial de Tráfico.

Ademais o equipo de Atestados está a realizar as investigacións oportunas para determinar, a través das gravacións das cámaras de tráfico instaladas na Rolda da Muralla, a ocorrencia doutros delitos.

Filtros de Seguridade Viaria

Durante a fin de semana do 12 ao 14 de xuño, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio estableceron diversos filtros de seguridade viaria, onde se practicaron probas de alcoholemia a diversos condutores, arroxando un deles, interceptado na Avenida da Coruña, un resultado POSITIVO de 0,60 mg/ l, o que supón unha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de conducir.

Ademais estableceuse un control de velocidade na Rolda do Carmen, denunciando a SEIS condutores por pasar a velocidade establecida en50 km/ h.

Así mesmo no transcurso destes filtros levantáronse CATRO actas de denuncia por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá ao detectar ocupantes de vehículos que non facían uso da máscara de protección obrigatoria sendo persoas NON conviventes.

Ruídos no interior de vivendas

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo tiveron que acudir na noite do 12 ao 13 de xuño a TRES domicilios por ruídos molestos. A primeira intervención foi ás 0:20 horas nun edificio da rúa Túnel de Oural xa que os veciños queixábanse de ruídos que proveñen dunha vivenda por arrastre de mobles e actividade humana en ton moi alto.

Os axentes identifican ao causante, manifestando que estaba a xogar na consola de videoxogos cuns amigos e que non era consciente das molestias, que cesaron pola mediación dos axentes.

A segunda tivo lugar ás 4:45 horas na rúa Ona de Chave por ruídos que se xeraban no interior dunha vivenda que impedía conciliar o sono aos veciños. A intervención dos axentes solucionou o conflito.

A terceira prodúcese á mesma hora nun edificio da rúa da Raíña xa que os veciños queixábanse do ruído que provocaba un grupo de xente que se atopaba nunha terraza. Os axentes comproban que se estaba levando a cabo unha festa, identificando ao responsable da vivenda e sendo requirido para que cesen de inmediato, o que fan ao instante.

A noite do 13 ao 14 de xuño efectivos do mesmo Grupo Operativo acoden ás 4:35 horas a un edificio da Rolda do Carmen xa que segundo denuncia dos veciños nunha vivenda escóitase música en ton alto que impedía o descanso. Os axentes comproban que varios mozos están a celebrar unha festa con música en ton alto, sendo requirido o responsable para que cese de inmediato na devandita actividade, abandonando a vivenda varios mozos e apagando o equipo de reprodución musical, levantando acta de infracción á Ordenanza de Medio Ambiente.

Noticias relacionadas