Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Venres, 13 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Detención por desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade

Sobre as 10:00 horas do día 12 de marzo, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, procederon á detención dun home, nacido no ano 1987, como autor dun delito de desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade.

Os feitos sucederon cando unha patrulla policial acompañaba á Comisión Xudicial para un Lanzamento nunha vivenda da rúa Bolaño Rivadeneira. No interior do piso achábase o agora detido ao que se lle informa do devandito lanzamento, dándolle a ler copia do Auto Xudicial, manifestando reiteradamente que non vai abandonar a vivenda, pese ao mandato xudicial.

Ante esta situación procédese á detención do individuo e o seu traslado a dependencias policiais onde se instrúen as dilixencias oportunas para o Xulgado de Garda.

Filtros de seguridade viaria

Durante a tarde e noite do día 12 de marzo, establecéronse varios filtros de seguridade viaria para o control do cumprimento da normativa de tráfico sobre circulación, condutores e vehículos, formulándose varias denuncias por “non utilizar o condutor o cinto de seguridade, correctamente abrochado”.

Así mesmo no transcurso destes dispositivos detectáronse dous vehículos sobre os que pesaba mandamento de captura e depósito por embargo, procedente un deles da Tesourería Xeral da Seguridade Social e o outro da Oficina de Recadación Executiva do Concello de Lugo. Ámbolos dous foron retirados polo guindastre ao Depósito Municipal onde se procedeu ao seu PRECINTO.

Auxilio a cidadáns

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procederon, sobre as 22:20 horas do día 12 de marzo ao auxilio dunha muller de mediana idade que se atopaba tirada inconsciente no chan do salón da súa vivenda da avenida Adolfo Suárez.

Os axentes accederon ao interior do piso e procederon a auxiliar á muller colocándoa en posición de seguridade, podendo pescudar que sofre de problemas relacionados coa diabetes, requirindo a presenza dunha ambulancia do 061, sendo trasladada ao HULA para a súa atención médica.

Noticias relacionadas