Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 10 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Auxilio a cidadá

Durante a noite do luns ao martes, recibiuse un requirimento na Sala do 092 sobre unha muller caída no seu domicilio. Unha vez acudida unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio, comproban que se trata dun muller maior que se caeu no baño e o seu marido non era capaz de levantala.

Debido á estreiteza do lugar, os axentes requiren a presenza dunha ambulancia do 061, con cuxa colaboración proceden a levantar á muller e comprobar que non sufriu lesión algunha.

Queixas por ruídos

Á 1’30 horas recíbese unha queixa por ruídos procedente dun baixo da rúa  Montirón. Unha vez no lugar, os axentes comproban que se escoita música no interior do baixo, poñéndose en contacto coa persoa que se atopa no interior, a cal manifesta non ser consciente das molestias que estaba a causar e apagando a música de inmediato.

Durante a noite, os axentes cumprimentaron tamén unha acta - denuncia por infracción á Ordenanza Municipal de Protección Ambiental, por molestias creadas por ruídos realizados durante as horas de descanso.

Negativa a facilitar follas de reclamacións

Durante a noite do día 9, os axentes de Policía de Barrio tivéronse que trasladar a un establecemento hostaleiro da  Avd. das Américas para mediar entre un cliente e o encargado do local, xa que, ao parecer negábase a facilitarlle as follas de reclamacións que solicitaba.

Incumprimento medidas Covid

Durante a tarde do luns, os axentes de Policía de Barrio tiveron que intervir na piscina municipal, onde dúas persoas, maiores de idade, non facían uso da máscara regulamentaria en ningún momento e negábanse a seguir as indicacións tanto do persoal de socorrismo como do vixiante de seguridade.

Os policías cumprimentaron senllas denuncias por infracción á Lei de Saúde de Galicia, por non facer uso da máscara estando obrigados a iso.

Xa en horas da noite, cumprimentáronse quince denuncias máis, cinco delas por consumir alcol na vía pública e outras dez por agrupacións de persoas non conviventes entre a 1’00 e as 6’00 horas.

Noticias relacionadas