Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 06 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá

Durante a fin de semana do 3 ao 5 de abril, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio e da Unidade de Atestados, realizaron diferentes controis tanto estáticos como itinerantes para, no marco do establecido no Real Decreto que declara o Estado de Alarma, comprobar e no seu caso impedir que se leven a cabo os servizos e actividades suspendidas, así como velar polo cumprimento das limitacións sobre a circulación de persoas e vehículos, levantando 26 actas de infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá e procedendo á detención dun home por resistencia e desobediencia grave aos axentes da Autoridade.

Un dos denunciados atopábase nunha parcela próxima á rúa Xoan Diego realizando labores agrícolas a varios quilómetros do seu domicilio, sen causa que o xustifique. Neste punto hai que lembrar que se establece un límite de 500 metros desde o seu domicilio habitual para realizar estes labores. A Policía Local lembra que as condutas contrarias ao citado Real Decreto son infraccións GRAVES que levan aparellada unha sanción de 601 a 30.000 euros.

Delito de desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade.

Sobre as 17:00 horas do día 4 de abril, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, cando realizaba tarefas de vixilancia para comprobar o cumprimento das limitacións de circulación de persoas e vehículos, establecidas no Real Decreto polo que se declara o Estado de Alarma, observan na rúa Montero Ríos a unha parella que estaba a tomar o sol nun banco. Os axentes interrogan o motivo polo cal se atopaban nese lugar e unha vez identificados e ao comprobar que residen na localidade de Guitiriz e que non xustifican motivo para atopase na vía pública, polo que son informados de que van ser propostos para sanción por infracción grave á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, ordenándolles que se dirixan aos seus domicilios.

Pasados uns minutos recíbese unha chamada na Sala de Comunicacións do 092 na que persoal dun supermercado próximo denunciaba que unha parella se atopaba no interior manipulando os alimentos, sen as medidas de hixiene, sen gardar a distancia de seguridade e sen facer caso ás indicacións do persoal do establecemento. Os axentes comproban que se trata da mesma parella denunciada con anterioridade e que desobedecera as ordes dadas, negándose o home a saír do establecemento, proferindo insultos contra o Goberno da Nación e contra os policías, motivo polo cal foi detido e trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

Axuda humanitaria

Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acudiron, na tarde do día 3 de abril, a unha vivenda da Avenida de Fontiñas para auxiliar a un home de avanzada idade que se caera da cama. Os axentes axudan a esta persoa levantándoo do chan e volvendo deitalo na cama, sen que sufrise dano algún.

Ás 22:10 horas do día 4 de abril, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio auxiliaron a unha muller en Camiño de Pipín que se caeu na vía pública, ao parecer como consecuencia da embriaguez que presentaba. Os axentes comprobaron que se fixo unha ferida na cara, prestándolle os primeiros auxilios ata a chegada dunha ambulancia do 061 que trasladou á muller ao HULA para a súa atención médica.

Molestias por ruído no interior de vivenda

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade de Policía de Barrio procederon sobre as 3:20 horas do día 4 de abril a levantar acta por infracción á normativa de Protección Ambiental por molestias causadas a causa do volume excesivamente alto dunha videoconsola e ton excesivo de voz humana, que xeraba unha veciña dun edificio da Avenida de Garabolos e que fora denunciado este comportamento incívico polos veciños do inmoble.

Noticias relacionadas