Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 03 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Intervención policial por intento de ocupación dunha vivenda

Sobre as 18,25 horas do día 2 de marzo/21, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa San Lorenzo, xa que os veciños alertaban da entrada de dúas persoas nunha casa do barrio a través das xanelas do primeiro piso.

Os axentes trasládanse inmediatamente ao lugar e acceden ao interior do inmoble, onde localizan a dous mozos, de 20 e 26 anos, inspeccionando a casa, manifestando que ao estar baleira, a súa intención era ocupala.

Que por tal motivo son conducidos a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por un presunto delito de usurpación, localizando os axentes aos empregados dunha inmobiliaria que se fan cargo do inmoble.

Controis integrais de normativa COVID-19 e seguridade viaria

Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo estableceron diferentes dispositivos para o control do cumprimento da normativa de seguridade viaria e das disposicións da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, realizando as seguintes intervencións:

Seguridade viaria

  • Detectouse, na noite do 2 ao 3 de marzo/21, TRES vehículos que circulaban carecendo de Seguro Obrigatorio de Automóbiles, polo que se abre expediente sancionador con sanción de 1.500 euros, procedéndose ao seu traslado co guindastre ao Depósito Municipal onde quedan inmobilizados ata que os seus titulares teñan subscrito un contrato de seguro que cubra a responsabilidade civil derivada da circulación.
  • A dous destes vehículos comprobouse que tiñan a ITV caducada, un deles desde maio do ano 2019, polo que se abre expediente sancionador con multa de 200 euros a cada un.
  • Outro destes vehículos foi denunciado por levar as placas de matrícula ilexibles, propoñéndose sanción de 200 euros.

Control normas COVID

Durante a madrugada do 3 de marzo/21, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo levantaron NOVE actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por detectar a oito persoas que transitaban entre as 22,00 e as 6,00 horas, sen causa xustificada (proponse para sanción de 500 euros) e a unha destas persoas ademais por non facer uso da máscara de protección obrigatoria (proponse para sanción de 100 euros).

Noticias relacionadas