Celébrase o XXIV Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo coa participación de 40 artistas

Os 3 premios principais do certame foron para Carlos Montero Gil, Isabel Seidel e Raúl Sánchez Muñoz.

Alexandre Penas: "este certame contribúe a proxectar Lugo, tanto entre os propios participantes, como a través dos cadros, que recollen moitos dos recunchos da cidade".

Domingo, 14 de xullo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Celébrase o XXIV Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo coa participación de 40 artistas

As rúas de Lugo convertéronse na xornada de hoxe na inspiración dos 40 artistas que participaron na XXIV edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo.  A riqueza patrimonial sumou un ano máis atractivos con artistas procedentes de distintas zonas de Galiza e do resto do Estado, que inmortalizaron distintos lugares da cidade en cadros con variados estilos e técnicas pictóricas.

O xurado, composto por Emilia Rodríguez de las Heras, profesora, en representación da Escola de Arte Superior e Deseño Ramón Falcón, Christian Villamide, artista multidisciplinar e Bruno López Rodríguez ELERRE, deseñador gráfico e membro da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración escolleu como gañadores dos tres premios principais a  Carlos Montero Gil, co 1º premio (1.600€ e diploma), Isabel Seidel, co 2º premio (1.100€ e diploma) e Raúl Sánchez Muñoz co 3º (900€ e diploma). Os 5 accésit, que contaron cun premio en metálico de 300€ e un diploma, foron para as seguintes participantes: Rafael Carrascal García, Abraham Pinto Mendoza, Diego Manuel Fernández González "Columé", Juan Lucena Orellana e Federico Plasencia Chacón. O lucense Oniel Rodríguez López, foi galardoada polo xurado co premio para o artista local, dotado de 450€ e diploma.

O concelleiro Alexandre Penas afirmou que o Certame de Pintura Rápida "contribúe a proxectar a riqueza patrimonial e cultural de Lugo, tanto entre os propios participantes, que chegan de todo o estado, como a través dos propios cadros, que recollen os recunchos máis fermosos da cidade". Ao acto de entrega de premios foron convidadas integrantes de todos os grupos que compoñen a corporación municipal.

Multimedia

  • Celébrase o XXIV Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo coa participación de 40 artistas

Noticias relacionadas