As cámaras de seguridade e tráfico que hai no Concello están debidamente autorizadas

Mércores, 07 de abril de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo só ten cámaras de videovixilancia no polígono do Ceao e contan coa debida autorización. Asegurouno esta mañá o concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade.

Segundo os datos que aportou o concelleiro na rolda de prensa posterior a reunión da Xunta de Goberno Local, no Ceao hai instaladas 30 cámaras de videovixilancia. Tamén hai 6 cámaras nas dependencias da Policía Local, 13 de control do tráfico e 6 de control de accesos.

Tocante ás camaras de videovixilancia do Ceao, a autorización para o seu funcionamento está vixente ata o 18 de abril e a solicitude para renovala, que se ten que facer cada ano, presentouse o 2 de marzo. O concelleiro explicou que tódalas demáis cámaras que funcionan no Concello están inscritas na Axencia de Protección de Datos. Ademáis, Rábade sinalou que a Axencia de Protección de Datos inspeccionou en decembro do ano pasado as cámaras a raíz dunha denuncia presentada polo Movemento polos Dereitos Civís. Un mes despois, en xaneiro deste ano, a Axencia de Protección de Datos resolveu arquivar a denuncia.

Rábade tamén lembrou que no ano 2006 houbo un proxecto de convenio entre o Concello e a Xunta que non chegou a materializarse para a instalación de cámaras de videovixilancia no casco histórico da cidade.

Noticias relacionadas