Benestar Social abre as inscricións dunha nova viaxe enmarcada na Programación de Animación Sociocultural

Luns, 13 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar Social abre as inscricións dunha nova viaxe enmarcada na Programación de Animación Sociocultural

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, oferta unha nova viaxe cultural a Quiroga, enmarcada na Programación de Animación Sociocultural.

Así o anunciou a Concelleira, quen explicou que a saída terá lugar o venres 24 de febreiro. A xornada arrincará ás 09:30 horas dende a Praza de Bretaña, regresando ao mesmo punto sobre as 20:00 horas. As e os veciños que participen nesta excursión municipal visitarán o Museo Municipal Etnográfico e o Museo Xeolóxico de Quiroga. Despois do xantar farase unha parada noutro punto de interese cultural.  A entrada aos museos correrá a cargo do Concello e o xantar, a cargo das persoas participantes.

Esta é a segunda saída cultural do ano tras visitar Sargadelos no mes de xaneiro. Do mesmo xeito que todas as anteriores, está pensada como actividade recreativa para a socialización das persoas maiores, pero mantense aberta a toda a veciñanza.

A cidadanía interesada en asistir poderá apuntarse os días 13, 14 e 15 de febreiro. Como novidade respecto a outras saídas culturais, o día 13 só se poderán apuntar as persoas que non participaron en ningunha das saídas anteriores. A inscrición farase por rigorosa orde ata completar a capacidade do autobús, nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa ou Uxío Novoneyra, en horario das 10:00 ás 13:00 h. Deberán aboar 4,12 euros a través do modelo de autoliquidación de taxas e prezos públicos 603 (http://www.lugo.es/Modalidad3/Autoliquidacion?modelo=603).

Máis info

Multimedia

  • Benestar Social abre as inscricións dunha nova viaxe enmarcada na Programación de Animación Sociocultural

Noticias relacionadas