A Alcaldesa súmase un ano máis ao Día do Veciño, que incrementa noutra edición o seu poder de convocatoria

"A gran diferenza entre Lugo e o resto de cidades é o movemento asociativo", subliñou Lara Méndez, quen fixo fincapé na importancia da Federación, que engloba a representación dunhas 240 asociacións da provincia luguesa

"Hoxe Lugo non se entende sen as súas asociacións e sen a Federación de Veciños. Dende o Concello sabemos que podemos contar cos veciños do mesmo modo que vós contades co Concello", destacou a rexedora

Domingo, 18 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa súmase un ano máis ao Día do Veciño, que incrementa noutra edición o seu poder de convocatoria

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sumouse este domingo á XV edición do Día do Veciño, que incrementa noutra edición o seu poder de convocatoria, reunindo a máis de 3.000 persoas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. No acto, a rexedora destacou a concorrencia desta cita, impulsada pola Federación de Asociacións Veciñais Lucenses, "o que demostra o que sempre digo, que a gran diferenza entre Lugo e o resto de cidades é o movemento asociativo". Nesta liña, Lara Méndez fixo fincapé nos beneficios do movemento asociativo, que participa nas decisións, chama a atención ás institucións para reclamar o que socialmente importa e humaniza a cidade.

"Dende o Concello de Lugo temos claro que o principio e fin das nosas políticas son as persoas, os veciños, por iso cremos no movemento veciñal e en cada un de vós", subliñou a rexedora, ao tempo que lembrou que a entidade local luguesa trata de serlle útil á sociedade dándolle solucións ás súas necesidades. Así, Lara Méndez exemplificou o labor do Concello nesta liña, que puxo en marcha un Plan de Emprego, activou un plan de limpeza por barrios, ou prepara a construción e humanización de infraestruturas para recuperar espazos públicos, tanto na cidade como no rural.

A Alcaldesa aproveitou para felicitar á Federación polo seu traballo e para poñer de manifesto a súa importancia, posto que engloba a representación dunhas 240 asociacións da provincia. "Hoxe Lugo non se entende sen as súas asociacións e sen a Federación de Veciños. Dende o Concello sabemos que podemos contar cos veciños do mesmo modo que vós contades co Concello", concluíu a rexedora. O Día do Veciño, que arrincou cun partido de fútbol, incluíu ademais da tradicional comida, unha mostra de artesanía.

Multimedia

  • A Alcaldesa súmase un ano máis ao Día do Veciño, que incrementa noutra edición o seu poder de convocatoria

Noticias relacionadas