A Alcaldesa reúnese cos empresarios de Lugo para presentarlles o informe do Eixo Atlántico sobre o ferrocarril

Lara Méndez e os empresarios coincidiron tanto na necesidade de mellorar a conexión física dos servizos ferroviarios, como tamén de autobús, a través dunha moderna estación intermodal

Xoves, 20 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa reúnese cos empresarios de Lugo para presentarlles o informe do Eixo Atlántico sobre o ferrocarril

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuniuse este xoves con representantes da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para darlles a coñecer o informe do Eixo Atlántico sobre o ferrocarril na provincia de Lugo, presentado publicamente a pasada semana e avalado polo catedrático da Universidade da Coruña, Miguel Rodríguez Bugarín.

Na xuntanza, á que asistiu o conselleiro delegado, Jesús Quintá, o secretario xeral, Jaime Luis López, unha técnico da confederación, Julia Vázquez, os vogais do consello de administración e presidente da APEHL e da Asociación de Empresas de Hospitalización Privada, Cheché Real e Justo Jorge López, respectivamente, así como o presidente da Cámara de Comercio, Xabier Diaz, Lara Méndez, trasladoulles as conclusións do estudo, que revela a necesidade de investir 650 millóns de euros na liña de ferrocarril Lugo-Ourense nun prazo de 5 anos, é dicir, 130 millóns por anualidade, para equipar os servizos da provincia lucense aos das restantes galegas.

No encontro, Méndez subliñou a importancia de ter uns servizos de ferrocarril axeitados co fin de lograr o desenvolvemento tanto da cidade como da provincia, poñendo en valor o ferrocarril como elemento que cohesione o territorio. Os empresarios coincidiron coa rexedora tanto nesta necesidade de mellorar a conexión física dos servizos ferroviarios, como  tamén de autobús, a través dunha moderna estación intermodal.

Os empresarios lucenses consideran esta proposta “moi boa” e transmitiron á Alcaldesa o seu “total apoio, tanto dende a CEL como dende a Cámara”, a calquera plan de mellora para as conexións de Lugo co resto do territorio. Neste senso, subliñaron que neste momento “Lugo é a única provincia galega que queda totalmente desconectada da alta velocidade” e que a “proposta do Eixo Atlántico é unha alternativa a curto prazo interesante para salvar o illamento, posto que Lugo non pode quedar desconectado do futuro e hai que avanzar en calquera iniciativa que axude neste sentido”.

Noticias relacionadas