- Tema

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este xoves unha reunión de traballo cos integrantes do Observatorio de Empresarios e Veciños para a Seguridade Cidadá e Servizos da cidade co fin de abordar diversas cuestións, fundamentalmente relacionadas coa mobilidade. A rexedora confirmoulles no encontro que despois do verán, como máximo antes das festas de San Froilán, se ampliarán as prazas dos aparcamentos subterráneos públicos, nas prazas da Constitución, Ferrol e Santo Domingo, e, a maiores, o Goberno ten previsto habilitar estacionamentos disuasorios en distintos puntos da cidade.
Este Observatorio está integrado polas seguintes entidades: Federación de Comercio de Lugo; Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Lugo-Lugo Centrum; Asociación de Autónomas, Empresarias, e Profesionais da Provincia de Lugo-ACAL-; Federación de Asociacións de Veciños da Provincia de Lugo; e Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, entidades que representan os intereses da grande maioría da cidadanía de Lugo.
Na xuntanza de hoxe, Alcaldesa e Observatorio acordaron volver a reunirse en breve para abordar, entre outras, cuestións como as distintas ordenanzas que ten en fase de elaboración o Concello.