Lara Méndez e Pedro Blanco coñeceron in situ o avance dos traballos de conservación do patrimonio que se están a executar neste barrio dentro da estratexia DUSI Muramiñae.
Tamén comprobaron o resultado da actuación, promovida polo executivo municipal, para a recuperación e posta en valor da cloaca romana, que se abrirá ao público proximamente.
Méndez reivindicou “a importancia dos fondos estruturais, que chegan a través do Ministerio, para continuar con esa segunda transformación que estamos a realizar na nosa cidade”.
Pola súa banda, Blanco sinalou que Lugo, da man da súa alcaldesa, “é pioneira no desenvolvemento dun modelo de turismo baseado na sustentabilidade”.
- Tema

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, supervisaron este luns o avance das obras de peonalización e humanización da praza e a rúa do Carme, actuación, incluída na estratexia DUSI Muramiñae, que mudará por completo a faciana do espazo público que vertebra este emblemático barrio da cidade.
Esta intervención, que xa se atopa moi avanzada, supón un investimento de 552.213 euros cofinanciados ao 80% polo FEDER, e non se limita unicamente á profunda transformación urbana do Carme, senón que posibilitará a dinamización económica e social deste punto estratéxico da urbe onde conflúen dous Patrimonios da Humanidade, a Muralla Romana e o Camiño Primitivo.
Neste senso, a rexedora reinvindicou a “importancia dos fondos estruturais, que chegan a través do Ministerio de Facenda e Función Pública, para continuar con esa segunda transformación que estamos a realizar na nosa cidade”, ao tempo que agradeceu ao Goberno Central “os esforzos que está a realizar para a posta en marcha tamén dos fondos de recuperación, co obxectivo de avanzar na modernización dos territorios”.
Méndez e Blanco puideron comprobar tamén in situ o resultado das obras para a recuperación e posta en valor da cloaca romana do Carme, situada no semisoto da Sala de Exposicións Porta Miñá, unha infraestrutura con preto de 1.700 anos de antigüidade, descuberta en 1994 no marco dunha intervención dirixida desde o Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo e que próximamente será visitable por toda a cidadanía.
“Actualmente os traballos de adecuación do espazo xa se atopan rematados e só faltan pequenos detalles que permitirán regular o control de acceso ás instalacións”, explicou Méndez. Para facilitar a súa interpretación e contextualización no ciclo da auga da época romana, os traballos incluiron, ademais da obra civil e arquitectónica, o equipamento museográfico.
Deste xeito, a rexedora explicou que esta dotación integrarase no discurso museolóxico da cidade cos outros restos arqueolóxicos e instalacións museísticas visitables en Lugo como parte dun único discurso da vida da cidade romana. A súa recuperación e apertura ao público enmárcase, igualmente, na estratexia DUSI, supoñendo un investimento de 398.724 euros.
“A recuperación do noso pasado para poñelo en valor e que sexa unha parte fundamental da oferta turística lucense é unha das prioridades deste goberno municipal”, subliñou Méndez, quen engadiu que “apostamos por un turismo sostible, acorde co modelo de cidade que estamos a impulsar, no que o legado romano, xunto á gastronomía e os nosos recursos naturais nos sitúen como un destino único e diferencial no mapa nacional”.
Así, a rexedora lembrou que a través do Goberno Central, mediante o Plan de Recuperación, poremos en marcha un Plan de Turismo Sostible para o que acadamos unha axuda de 2 millóns de euros e que contempla a transformación da antiga fábrica da Luz de Lugo nun centro de enogastronomía.
Así, Pedro Blanco sinalou que o Goberno leva investidos “200 millóns de euros para impulsar a modernización de 43 destinos turísticos en Galicia, beneficiando a un de cada dous municipios galegos”, incluíndo Lugo. Este novo modelo turístico basease na sustentabilidade, dixitalización e valor engadido. O delegado puxo en valor este modelo turístico “de calidade e competitivo, non ligado a unha tempada concreta e que xeren riqueza a nivel local”.
Neste senso, Blanco sinalou que Lugo, da man da súa alcaldesa, “é pioneira no desenvolvemento destas políticas” e que desde o Goberno continuarase apostando pola aceleración deste cambio, ao tempo que destacou a capacidade da rexedora para “a captación de fondos cos que avanzar na segunda transformación da cidade”.
Previamente, o delegado realizou unha visita á Casa Consistorial do Concello onde, acopañado da rexedora e de membros do executivo municipal, asinou no Libro de Ouro.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a visita das obras do Carme | Descargar mp3
- O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sobre a visita das obras do Carme | Descargar mp3