A alcaldesa acompaña aos bombeiros na visita ao CEIP de Albeiros e pon en valor o traballo do corpo e a súa faceta formativa ante as emerxencias

Varios efectivos impartiron charlas a case 200 nenas e nenas de seis cursos de Infantil e Primaria, para achegarlles o labor do servizo municipal de extinción de incendios. 

Paula Alvarellos considera que “iniciativas como esta son importantes para ensinar como actuar en situacións de perigo pero tamén para coñecer todo o traballo dos bombeiros”.

É o segundo ano que se leva a cabo esta actividade, que xa se desenvolveu estes días nos colexios Luís Pimentel e Anexa, onde os bombeiros levaron materiais e vehículos.

Xoves, 10 de outubro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa acompaña aos bombeiros na visita ao CEIP de Albeiros e pon en valor o traballo do corpo e a súa faceta formativa ante as emerxencias

A alcaldesa de Lugo, Paula Alverellos, xunto á edil de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, acompañou esta mañá a efectivos do servizo municipal de extinción de incendios na súa visita ao CEIP Albeiros de Lugo, onde impartiron unhas charlas informativas aos case 200 alumnos e alumnas de seis cursos de Infantil e Primaria. O obxectivo é ensinar aos nenos e nenas como actuar ante as emerxencias e ante o perigo que poden supoñer algunhas situacións que se dan moitas veces no entorno do fogar, ademais que como previr estes riscos nas nosas vivendas. A alcaldesa Paula Alvarellos destacou “a importancia deste tipo de iniciativas coas que ademais de achegar aos nosos nenos e nenas todo o traballo que realizan os corpos de Bombeiros e Protección Civil, permiten ensinar ás cativas e cativos como prever e actuar ante unha emerxencia e en situacións de perigo que se poden dar no propio fogar”.

Trátase do segundo ano que se desenvolve esta iniciativa, que nesta ocasión levou aos bombeiros ao colexio de Albeiros, e en días previos aos centros Luís Pimentel e Anexa. Esta mañá os efectivos do corpo de Bombeiros chegaron ao colexio de Albeiros cun furgón de servizos múltiples e cun camión de bombeiros, cos que puideron ensinar ao alumnado de Infantil e de primeiro a carto de Primaria as principais funcións deste corpo de seguridade. Á parte máis práctica desta visita, que se centra nos vehículos dos bombeiros, se suma outra máis teórica, para a que se serven dun vídeo de debuxos animados no que se explica como reaccionar ante un incendio; medidas preventivas a tomar na casa; consellos útiles para evitar lumes e como reaccionar ante outro tipo de emerxencias que poden xurdir no ámbito doméstico.

A rexedora lucense destacou a importancia deste tipo de actividades, coas que “melloramos a seguridade da crianza en caso de emerxencias ensinando como actuar e que tipo de protocolos hai que desenvolver para minimizar riscos e optimizar a intervención dos efectivos destes corpos”.

A estas charlas divulgativas se suman outras actividades formativas que leva a cabo o Concello de Lugo, como son os simulacros de evacuación por incendio nos diferentes centros de ensino, que son cruciais para saber como actuar no caso dunha emerxencia real, e que se levan a cabo en colaboración cos propios centros e en coordinación coa Policía Local e Protección Civil.

De feito, na súa visita ao centro, a alcaldesa falou coas profesoras e profesores que integran o equipo directivo da posibilidade de desenvolver desde o Concello de Lugo outro tipo de actividades. Entre outras, desenvolver unha xornada informativa a cargo da Policía Local ou a visita do alumnado de Primaria á Casa do Concello para coñecer o Salón de Plenos e o funcionamento interno da administración local.

 

 

 

Multimedia

  • A alcaldesa acompaña aos bombeiros na visita ao CEIP de Albeiros e pon en valor o traballo do corpo e a súa faceta formativa ante as emerxencias
  • A alcaldesa acompaña aos bombeiros na visita ao CEIP de Albeiros e pon en valor o traballo do corpo e a súa faceta formativa ante as emerxencias
  • A alcaldesa acompaña aos bombeiros na visita ao CEIP de Albeiros e pon en valor o traballo do corpo e a súa faceta formativa ante as emerxencias

Noticias relacionadas